Destacada actuación das nadadoras do Galaico Antía García e Alicia Bouzas no nacional de inverno
Por Redacción
As nadadoras do CN Galaico Antía García e Alicia Bouzas participaron esta fin de semana no campionato de España de inverno en piscina curta de categoría absoluta na localidade barcelonesa de Sabadell. A primeira rozou a medalla de bronce no 50 libre, mentres que a primeira mellorou todas as súas marcas e terminou cun destacable undécimo posto na clasificación xeral.
Antía asinou un cuarto posto nos 50 metros libres. A nadadora de Caldas detivo o crono en 25 segundos e 63 centésimas nunha apertada carreira na que quedou a só 3 centésimas do terceiro posto. Ademais, García bateu o récord galego na proba de 50 metros bolboreta, así como a súa mellor marca persoal nos 100 libres.
Pola súa banda, Bouzas conseguiu mellorar as súas marcas persoais en todas as probas nas que participou: 100 costas, 200 costas e 200 bolboreta. Uns tempos que lle serviron para coarse entre as mellor clasificadas na súa estrea en categoría absoluta.
Doutra banda, os prebenxamíns do club participaron esta fin de semana no CGTD na segunda xornada da liga galega. Así mesmo, os nadadores de categoría infantil e júnior competiron tamén en Mos na primeira xornada do campionato provincial Open na que conseguiron seis medallas, dúas delas de ouro.
Tamén Marcos Castro Prado competiu en Oviedo no Open Internacional Mareastur de natación adaptada como preparación para os campionatos de España que se aveciñan.