Nadadores do Galaico renuncian ao nacional de longa distancia ao carecer de instalacións de adestramento
Por Manu Otero
Os nadadores do CN Galaico renunciaron a participar a pasada fin de semana no campionato de España de Longa Distancia. As precarias condicións de adestramento que soportan a diario Cristian Fernández, Ana Pérez García Picher, Sofía Barros ou Gisele Rocha obrigáronlles a renunciar a competir nun campionato ao que se clasificaron polas súas marcas na cita autonómica previa.
"Imos co adestramento xustísimo a todos os campionatos", lamenta Diego Pérez, director deportivo do CN Galaico. O peche da piscina olímpica de Rías do Sur, o mal funcionamento e a masificación do vaso de 25 metros de Pontemuíños, así como as dificultades para atopar ocos nas instalacións do CGTD ou da Escola Naval está a lastrar a preparación dos nadadores dun club afeito a relacionarse coa elite da natación nacional.
"Con estas condicións de adestramento non se pode preparar unha competición na que tes que nadar 5.000 metros. Con este nivel de adestramento decidimos non inscribilos e aforrarnos ese desembolso, porque os resultados non ían ser satisfactorios", explica o responsable técnico do club, que segue facendo encaixe de palillos para que os seus pupilos adestren nas mellores condicións posibles á espera de que as institucións dean cunha solución ao conflito de Rías do Sur que xa case leva un ano sen unha actividade normal.
Con todo, desde o club confían en poder preparar con normalidade a tempada de verán de augas abertas, nas que as condicións meteorolóxicas xa permitirán aos nadadores adestrar no Pontillón do Castro.
O campionato de España de Longa Distancia forma parte da tempada invernal da modalidade de augas abertas, que nos meses máis fríos do ano celébranse baixo teito.
O que se participou no nacional de longa distancia foi o nadador de categoría infantil becado no CGTD, Olivier Rocha, que terminou en décimo quinta posición na proba de 3.000 metros.
Doutra banda, cinco nadadores do club participaron en Ourense nun clinic de bolboreta organizado pola RFEN. Paula Fariña, Marlene Rocha, Alicia Bayón, Tomás Gómez e André Rendo adestraron ás ordes do técnico Jose Aláez, do Real Canoe; e do nadador internacional Juan Segura.
Relacionadas:
-
O Concello investirá 200.000 euros para que os clubs poidan adestrar e competir nas piscinas de Rías do Sur
Por Almu Dapena |
-
O Galaico, a polo ascenso á División de Honra da Liga Galega de natación
Por Redacción |
-
Prorrogan un mes a apertura da piscina de 25 metros de Rías do Sur á espera dunha solución definitiva
Por Manu Otero |
-
O PP culpa o Concello do peche da piscina de Pontemuiños por non dar unha solución
Por Oskar Viéitez |
-
Meritoria actuación da prometedora nadadora do CN Galaico Sofía Barros no nacional de autonomías
Por Redacción |
-
O CN Galaico renova o seu equipo directivo
Por Redacción |
-
Destacada actuación das nadadoras do Galaico Antía García e Alicia Bouzas no nacional de inverno
Por Redacción |
-
Dobre representación do Natación Galaico no Campionato de España Absoluto de Inverno
Por Redacción |