O Pontevedra non está para "feiras"
Por Redacción
Nova final pola permanencia para un Pontevedra que cada vez ten menos marxe de manobra para lograr o obxectivo de manterse un ano máis na Primeira Federación. Os granates, que se enfrontarán este domingo a partir das 16 horas ao San Fernando, viaxan xa por estrada cara a Cádiz nun longo desprazamento que dividirán en dúas etapas facendo noite en Badaxoz.
"Imos con marxe, a viaxe está moi ben preparada na medida das posbilidades que se nos ofrecía porque por esas terras están de feira e nós non imos a ningunha feira, imos a unha pelexa absoluta", deixou claro Juan Señor antes de subirse ao autobús.
A dura derrota sufrida a pasada fin de semana en Pasarón fronte ao Mérida está xa superada e no vestiario granate non pensan noutra cousa que non sexa a vitoria. "Non se pode fallar, a marxe é menor e imos ir a gañar", asegura o adestrador do Pontevedra que, sendo coñecedor da necesidade de sumar tres puntos, non pensa facer experimentos. "Non imos poñer cinco dianteiros, imos gañar facendo as cousas ben", esixe.
Un dos aspectos para corrixir con respecto ao último partido pasa por "estar máis xuntiños". Señor pide aos seus recuperar "esa proximidade tanto para asociarse como para roubar o balón, que é algo que nos faltou". Ademais, o técnico espera recuperar a fortaleza defensiva de partidos anteriores e que perderon no choque contra o Mérida.
No plano anímico, o vestiario superou xa o mazazo da última derrota. "Os xogadores van bastante limpos e coñecedores do potencial que teñen. Saíu negro en lugar de luz, pódelle pasar a calquera equipo en calquera competición. Hai un dia que non o tes ben e non podes argumentar o porqué. Pode haber moitos factores aos que che podes agarrar, pero xa é pasado. Os xogadores van cun sorriso convencidos de que van volver ao nivel", argumentou o preparador granate.
Para volver competir pola vitoria, pide Señor "pasar páxina e pensar o ben que fixemos as cousas ata o de agora". Ademais, está convencido de que en Primeira Federación non hai rivais invencibles. "O San Fernando é un equipo que xoga moi xunto, con transicións rápidas e con xogadores determinantes arriba", detalla o adestrador sobre un equipo que "se reforzou moito no mercado de inverno e que non ten nada que ver co da primeira volta".
A clave do partido estará en "facerlle o partido absolutamnete incómodo e xogar coas nosas bazas", sinala Señor que prevé "unha guerra absoluta por ter a posesión".
Para a batalla, non poderá contar o técnico granate cos lesionados Rufo e Rubio, que arrastran diferentes molestias no nocello e en abdutor, respectivamente. Tampouco estará dispoñible Borja Domínguez, que viu contra o Mérida a quinta amoestación da tempada e deberá cumprir un partido de suspensión. Pola contra, volverán á convocatoria Churre, xa recuperado do golpe que sufriu na coxa en Alcorcón; e Pablo Cacharrón, que xa cumpriu os seus tres partidos de sanción.
Relacionadas:
-
Derrota en San Fernando dun Pontevedra abocado ao descenso salvo milagre (4-2)
Por Almu Dapena |
-
O coeficiente de goles, outro factor decisivo en xogo para o Pontevedra na batalla final pola permanencia
Por Manu Otero |
-
O Pontevedra blinda o plantel para fixar o foco na final de San Fernando
Por Manu Otero |
-
O Pontevedra queda sen marxe de erro na súa carreira pola permanencia
Por Manu Otero |