O Pontevedra blinda o plantel para fixar o foco na final de San Fernando
Por Manu Otero
Fútbol, só fútbol e máis nada que fútbol. É a orde dada desde a dirección deportiva do Pontevedra para esta semana. O equipo xógase a permanencia en Primeira Federación este domingo na súa visita ao San Fernando e desde a directiva queren que o vestiario se centre unicamente en preparar esta auténtica final.
Superar a goleada sufrida o pasado domingo, illar aos xogadores da pitada do público e evitar preguntas sobre o plebiscito que supuxo o redebut de Gueye en Pasarón están detrás dun novo decreto da lei do silencio. Os dirixentes granates impedirán aos xogadores realizar declaracións en público ao longo desta semana para poñer o foco unicamente na necesidade de sumar o próximos tres puntos.
Mentres tanto, este mércores respirouse normalidade e bo ambiente no campo de adestramento. O primeiro equipo superou xa o pau da derrota en casa contra o Mérida e está plenamente centrado no próximo partido.
Nunha sesión dirixida por Álex Salgado e Dani Vilas, baixo a atenta supervisión do adestrador Juan Señor, o grupo realizou exercicios de posesión, pase, presión e finalización. Integrado na dinámica de traballo atópase xa o centrocampista Yelko Pino e o lateral esquerdo Samu Araújo, que xa gozou de minutos de competición o pasado sábado. Completaron a sesión xogadores do filial como Arnosi, Abal, Valentín e Víctor Casais.
En cambio, mantéñense á marxe do grupo os lesionados Rufo e Víctor Nikolov, mentres que Churre traballou a menor ritmo por precaución. Tampouco saltou ao campo de adestramento ata última hora para realizar carreira continua Alberto Rubio, que padece unha lesión que lle impediu entrar na convocatoria do último partido e cuxo alcance aínda non transcendeu.
Relacionadas:
-
Derrota en San Fernando dun Pontevedra abocado ao descenso salvo milagre (4-2)
Por Almu Dapena |
-
O Pontevedra non está para "feiras"
Por Redacción |
-
O coeficiente de goles, outro factor decisivo en xogo para o Pontevedra na batalla final pola permanencia
Por Manu Otero |
-
O Pontevedra queda sen marxe de erro na súa carreira pola permanencia
Por Manu Otero |
-
Juan Señor, tras o 1-5 ante o Mérida: "Nos pasaron por encima"
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |