O Marín Futsal estrélase co Amarelle na súa loita pola permanencia (2-1)
Por Redacción
A tranquilidade pola permanencia segue sen chegar ás filas do Marín Futsal, que este sábado caeu por 2-1 no derbi galego contra o Viaxes Amarelle.
O cadro herculino estreou a súa marcadora de vitorias en casa á conta das marinenses que, a pesar de levar o control de encontro por momentos, foron incapaces de sorprender a Leti Rojo.
Comezou o partido cunha clara ocasión de Pau, pero a gardameta local tapou ben o disparo. Un minuto despois nun roubo de balón, Elia en xogada individual non perdoou e axustou o esférico ao pau para bater a Silvia Aguete e anotar o primeiro tanto da tarde.
As de Ramiro Díaz tentaron reaccionar ao gol rival facéndose coa posesión, mentres o Amarelle esperaba en campo propio e buscaba sorprender con contragolpes.
Antes do descanso, Eli tivo nas súas botas unha nova opción para poñer máis terra polo medio, pero no man a man con Silvia Aguete, a gardameta marinense gañou a partida para salvar ás súas.
Despois do paso polos vestiarios, o Marín seguiu en busca do gol do empate e optou por presionar a saída de balón dun Amarelle moi ben colocado e que non estaba disposto a ceder.
E cando parecía que chegaría o 1-1, Leti Rojo nun envío longo habilitou a Tety, que controlou na frontal de costas á portería, deu a volta e enchufou o esférico na escuadra para subir o 2-0.
Con ese resultado, as marinenses víronse obrigadas a optar polo xogo de cinco con Lara Balseiro en busca da reacción e, a tres minutos do final, foi Ale de Paz a que recortou distancias.
Nos últimos compases Ceci acariñou o empate cun remate ao pau, pero o Amarelle aferrouse con uñas e dentes para facerse con tres puntos vitais para a permanencia.
VIAXES AMARELLE FSF (2): Leti Rojo; Elia, Carol, Tety e Cris Lourés (quinteto inicial). Tamén xogaron, Lau Doce, Clàudia Lobo, Carla e Ronsel.
MARÍN FUTSAL (1): Silvia Aguete; Ceci, Café, Pau e Ale de Paz (quinteto inicial). Tamén xogaron, Lara Balseiro, María León, Adri, María Estévez, Inés Mayán e Nuria.
Goles: 1-0, min. 3 Eli. 2-0, min. 32 Tety. 2-1, min. 38 Ale de Paz.
Incidencias: Sagrada Familia. Colexiados, Amor Vizoso e Darriba Villamor. Amoestaron a María León no Marín e Clàudia Lobo, Cárol no Viaxes Amarelle.
Relacionadas:
-
Dous goles no último minuto dan a vitoria ao Marín Futsal ante o Teldeportivo (3-4)
Por Redacción |
-
Trepidante partido do Marín Futsal con vitoria sobre Alcantarilla para certificar a permanencia (4-3)
Por Ramiro Espiño |
-
A fase final da Copa da Raíña agarda a un Marín Futsal sen complexos
Por Diego Espiño |
-
O Ourense Envialia visita un Poio Pescamar metido de cheo na persecución polo liderado
Por Redacción |
-
O Móstoles rouballe dous puntos ao Marín Futsal nos últimos minutos (3-3)
Por Redacción |
-
O Roldán, rival do Marín Futsal na fase final da Copa da Raíña
Por Redacción |
-
Ramiro Díaz renova como adestrador do Marín Futsal
Por Redacción |
-
Demasiado Futsi Navalcarnero para un vulnerable Marín Futsal (7-0)
Por Ramiro Espiño |