Pontevedra dá a luz ao primeiro laboratorio de innovación no deporte de España
Por Manu Otero
O Teatro Principal de Pontevedra foi o escenario elixido para presentar este xoves un evento que situará á Boa Vila na vangarda da investigación e a innovación no deporte. O Pontevedra LAB fará da capital das Rías Baixas un espazo colaborativo no que a tecnoloxía é o elemento catalizador de procesos de investigación, experimentación, deseño e desenvolvemento de proxectos relacionados coa industria do deporte.
Promovido pola consultora Galicia Sportech e o Concello de Pontevedra, o obxectivo deste laboratorio é impulsar o deporte e a innovación en todos os actores implicados, desde os clubs e escolas deportivas, ata a cidadanía e as institucións. Un dos piares fundamentais desta iniciativa pasa pola creación dunha aceleradora para proxectos deportivos e a organización dun congreso sobre innovación no deporte que terá lugar os días 13 e 14 de xuño nun emprazamento "sorprendente".
Na presentación participou o alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores, quen lembrou que desde o 1999 Pontevedra "é unha cidade que camiña" e que dado que é sede do CGTD e das facultades de Fisioterapia e Ciencias do Deporte "gustaríanos que a xente que sae de alí emprendera na cidade". Con todo, para facer realidade eses proxectos estudantís fai falta "información e iso é ou que quere ofrecer Pontevedra Lab", explicou o rexedor.
Ao seu lado estivo o pentacampeón do mundo de tríatlon Javier Gómez Noya para recoñecer que nos últimos anos o deporte "deu un cambio brutal". Os materiais, os métodos de adestramento ou o compoñente tecnolóxico para controlar os adestramentos son só uns aspectos que marcan a progresión dos deportistas e tamén apartados que se investigarán neste laboratorio, así como a nutrición ou o procesamento de datos. O triatleta destacou a importancia de contar con profesionais que "saiban utilizar esas ferramentas e interpretar os datos".
No acto participou tamén o concelleiro de Deportes, Tino Fernández, para lembrar que a idea de organizar este laboratorio xurdiu hai tres anos; así como o fundador de Galicia Sportech David Suárez e o vicepresidente da Agrupación industrial do Deporte, Pedro Iglesias.
Con respecto ao Congreso do mes de xuño, os organizadores traballan agora na confección do programa e na convocatoria de relatoras, pero avanzan que haberá grandes clubs, grandes corporacións e moitas startups que presentarán en Pontevedra os seus modelos de innovación.
Relacionadas:
-
Innovación e deporte, da man por cuarto ano no Galicia Sportech Congress
Por Redacción |
-
Pontevedra LAB pecha o ano con tres charlas sobre innovación en tríatlon, balonmán e o uso da IA
Por Diego Espiño |
-
O Galicia Sportech Congress reivindícase en Pontevedra como "referente a nivel nacional e internacional" na súa terceira edición
Por Diego Espiño |
-
Os últimos avances tecnolóxicos do deporte preséntanse esta fin de semana en Pontevedra
Por Manu Otero |
-
Preparados para acoller o máis importante congreso de transformación dixital deportiva do noroeste peninsular
Por Anxo Lourido |