Nova remontada de Jéssica Bouzas, que está a unha soa vitoria de entrar no cadro final de Wimbledon
Por Manu Otero
A tenista arousá Jéssica Bouzas está a un só partido de facer historia. A prometedora deportista galega conseguiu este mércores superar a segunda rolda da fase previa de Wimbledon e, se vence á nova australiana Olivia Gadecki, clasificarase para o cadro final do prestixioso grand slam británico.
Para chegar a este punto, Bouzas tivo que superar en primeira instancia á india Raina e, en segunda, á francesa Burel, que era a rival máis poderosa do seu cadro. Contra ambas demostrou unha moral de ferro ao comezar perdendo o primeiro set e ser capaz de dar a volta a unha situación adversa.
Neste último enfrontamento, a galega cedeu o primeiro set ante a cabeza de serie número 8 da fase previa por un axustado 6-4. Pero nos dous posteriores foi completamente superior á francesa, con experiencia e partidos gañados en varios grand slams nos últimos anos, e endosoulle senllos 6-2 no segundo e terceiro set.
Agora, agarda no enfrontamento definitivo Gadecki, á que se medirá a partir das 12.30 horas deste xoves.
A australiana é outra prometedora tenista de 21 anos que ocupa actualmente o posto 136 do ranking WTA. Do mesmo xeito que Bouzas, que marcha no posto WTA 167, tampouco xogou nunca a fase final do Wimbledon, pero si que o fixo nos abertos de Australia e Roland Garros, alcanzando a segunda rolda do campionato en dúas ocasións no grand slam do seu país.