O Arxil iniciará a súa competición na liga Feminina 2 o próximo 7 de outubro
Por Redacción
A Federación Española de Baloncesto celebrou a pasada fin de semana en Madrid a súa asemblea xeral para aprobar as bases de competición de todas as categorías nacionais, entre elas a liga Feminina 2 na que volverá competir o Arxil.
Esta liga, terceiro banzo do baloncesto feminino estatal, contará con 28 equipos distribuídos en dúas conferencias. Os catro primeiros de cada unha delas terán o dereito de disputar a fase final polo ascenso á liga Challenge, á que subirán dous equipos. Pola contra, descenderán a Primeira Nacional catro conxuntos.
A competición comezará o día 7 de outubro e a liga regular ten prevista a súa conclusión o 13 de abril, mentres que a fase final disputarase entre o 28 e 28 de abril do 2024.
Unha das novidades desta tempada está na confección dos grupos, nos que deixará de primar o factor de proximidade xeográfica. Deste xeito, os representantes das federacións autonómicas que teñan seis ou máis equipos na categoría repartiranse entre as dúas conferencias co obxectivo de igualar os gastos de desprazamentos entre os integrantes de cada unha das conferencias. "Isto inflúe moito no orzamento, xa que todos os equipos igualámonos bastante", explican desde o Arxil.
O día 14 de xullo conclúe o prazo para formalizar a inscrición dos equipos na categoría. Será a partir desa data cando o Arxil coñeza os rivais da próxima tempada.
Nos próximos días, o equipo pontevedrés comezará a facer público o nome das xogadoras que renovan o seu contrato e das novas incorporacións.
Relacionadas:
-
O Arxil xa ten calendario para o seu novo curso en Liga Feminina 2
Por Redacción |
-
Cristina Díaz-Pache, primeira renovación do Arxil
Por Redacción |
-
O Arxil queda encadrado na conferencia A con galegos, cataláns, canarios, leoneses, asturianos e estremeños
Por Redacción |
-
O Arxil renovará a boa parte do seu primeiro equipo para iniciar un novo asalto á liga Challenge
Por Redacción |