Do Arxil a exercer de fisioterapeuta de Costa do Marfil, rival de España no próximo Mundial
Por Diego Espiño
Aldara Vázquez segue xogando activamente ao baloncesto no club da súa vida, o Arxil, pero a súa faceta profesional como fisioterapeuta abriulle estes días unha ilusionante porta.
A pontevedresa entrou a formar parte do staff da selección absoluta masculina de Costa do Marfil, en principio só para a concentración que están a levar a cabo estes días entre Baiona e Portugal para preparar o próximo Campionato do Mundo, cita na que por certo debutarán o 26 de agosto como rival de España.
"Eles íanse ir a Serbia e no último momento cancelouse todo e acabaron reservando en Baiona", explica Aldara desde a concentración. "Eu estaba o luns pasado na praia cando me chamou Nacho Rebollo contándome a posibilidade. Chamáronme e dixéronme se podía estar ao día seguinte", relata.
Ata o día 30 de xullo, cando finalice o torneo de preparación no que van participar en Portugal, Aldara Vázquez seguirá traballando con Costa do Marfil, aínda que recoñece que "para min ir ao Mundial con eles a día de hoxe sería cumprir un soño, porque como xogadora sei que non vou ir, asumino hai moitos anos, e como fisio sei que esas oportunidades aparecen pouco. Ademais é un grupo humano marabilloso, desde os adestradores, o preparador físico, o médico, xogadores e Anicet Lavodrama, que é un dos responsables".
Esta experiencia abriulle a posibilidade de coñecer a un equipo no que figura un xogador da NBA como Mohamed 'Mo' Bamba (recentemente recrutado polos Philadelphia 76ers tras pasar por Orlando Magic e Los Ángeles Lakers), pero tamén figuras como Alex Poythress (Maccabi Tel-Aviv) ou o xogador do Baskonia Matt Costello, entre outros.
"Están moi motivados e eu teño moita fe neles. Estou a verlles adestrar e ao final entendo de baloncesto e véxolles como un equipo potente, un equipo que vai dar moito que falar no Mundial", prognostica Aldara sobre o rival mundialista de España.
De feito teñen nela xa a unha seguidora máis, porque "desde o día uno fixéronme sentir parte do equipo, que son igual de importante que o resto", e aínda que chegará o momento de volver dirixir a súa atención á cancha como xogadora agora mesmo "estouno gozando moito".
Relacionadas:
-
Margarita Moreira sela a súa continuidade co Arxil
Por Redacción |
-
O Arxil anuncia a renovación de Aldara Vázquez, un 'comodín' que cumprirá 23 anos no club
Por Redacción |
-
Heather Forster, a pola súa quinta tempada no Arxil
Por Redacción |
-
A xogadora macedonia Nena Trajchevska renova co Arxil
Por Redacción |
-
O Arxil xa ten calendario para o seu novo curso en Liga Feminina 2
Por Redacción |
-
Cristina Díaz-Pache, primeira renovación do Arxil
Por Redacción |
-
O Arxil queda encadrado na conferencia A con galegos, cataláns, canarios, leoneses, asturianos e estremeños
Por Redacción |