Os 'petanqueiros' volven á competición cunha liga que suma xa dezasete equipos
Por Redacción
A liga de petanca de Pontevedra parece vivir a súa idade dourada. Son xa dezasete equipos os que participarán este ano nesta competición, que se desenvolverá entre este sábado 9 de setembro e o 8 de xullo de 2024. En total, 34 xornadas de deporte e diversión.
Todos os equipos medirán as súas forzas co obxectivo de lograr o título anual, que actualmente está en posesión do Pote de Mourente.
Nesta tempada participarán O Mirador de Monte Porreiro, Amigos de Campolongo, Santo Andrés de Xeve, C. Social Pontevedra, O Pote de Mourente, O Carballo de Mourente, A Corticeira de Bora, Verducido, Salcedo Norte, San Martiño Salcedo, Petanca Marín, C.P. Areales, S.C.D. Marcón, C.P. O Burgo, Santarita, C.P. A Parda e Rápido de Xeve.
Desde a organización sinalan que os xogadores e técnicos deberán vixiar para que prevaleza o xogo limpo durante toda a competición, o que supón algo máis que cumprir as normas do xogo, segundo explicou o presidente da liga, José Luis Gallego.
Así, subliñou que a práctica da petanca "crea amizade" e favorece a vida nas parroquias, xerando unha actividade que remata cunha "socialización evidente e chea de anécdotas".
Gallego indicou que esta competición, que comezou hai oito anos "como un grupo de amigos", foi crecendo grazas o seu labor deportivo e social.
Actualmente, a media de idade dos xogadores supera os 50 anos, pero o responsable da liga avanzou que "estamos orientando e traballando en divulgar a petanca entre a xente máis moza, moi a modo, propoñendo que a petanca tamén se practique nas escolas".
A edil de Deportes, Anabel Gulías, destacou que todas as persoas participantes "non só xogan a petanca, que é importante, senón porque tamén organizan xornadas de traballo en centros educativos e dinamizan as parroquias", polo que lles agradeceu toda a súa implicación.
"Seguiremos apoiando este tipo de propostas, seguiremos ao seu carón e agardamos que siga medrando, tanto en número de equipos como na súa práctica, ademais de traballar na posta en valor de todo o que comporta a celebración deste tipo de ligas", engadiu a concelleira.