O número de petanqueiros segue a crecer en Pontevedra e consolidan a súa agrupación
Por Oskar Viéitez
A agrupación de petanqueiros de Pontevedra pon en marcha a organización da próxima tempada 2023-2024, na que se disputarán os campionatos de liga e torneo de copa do Concello de Pontevedra.
Cabe resaltar de forma moi especial, a consolidación da Agrupación de Petanqueiros de Pontevedra que xa se constituíu como persoa xurídica como asociación sen ánimo de lucro e rexistrado como agrupación deportiva na Xunta de Galicia e Concello de Pontevedra para fomentar a práctica da petanca no ámbito do municipio da capital.
Xa realizados os trámites administrativos, agora será oficializado coa celebración dunha Asemblea Xeral Extraordinaria na que se ratificarán o acta constitutiva e o nomeamento da xunta directiva, así como a aprobación dos estatutos e cotas de socios.
Como prólogo este xoves celebrarase unha Asemblea Xeral Extraordinaria, ás oito da tarde, na Casa Cultural da Comunidade de Montes de Marcón. Ao termo da mesma farase entrega aos delegados dos equipos do calendario e dos libros de actas, así como o regulamento vixente.
O campionato de liga 23-24, comeza o sábado día 9 de setembro e finaliza o 8 de xuño de 2024, nel participan 17 equipos representativos de distintos barrios e parroquias pontevedresas e incluíndo un equipo de Marín; haberá trofeo para os tres primeiros clasificados.
A Agrupación de Petanqueiros destacou o crecemento que está a ter esta práctica deportiva en pouco tempo; "empezouse coa creación de seis equipos e en tres tempadas xa somos dezasete, con perspectivas de seguir aumentando e co punto de mira posto para introducilo en centros educativos, celebrando xa tres talleres con ludotecas nos dous últimos veráns".