Elías Espiñeira asume o mando na coordinación do Pontevedra: "Hai dous retos, deportivo e corporativo, pero van da man"
Por Diego Espiño & Mónica Patxot
O Pontevedra Club de Fútbol presentou oficialmente este xoves o seu novo mánager xeral, Elías Espiñeira, que volve á que foi a súa casa entre 2003 e 2008 tras abandonar o seu labor como xefe de partido na Liga F.
"Hai unha dirección xeral e unha dirección deportiva, eu non veño ocupar o posto de ninguén, veño coordinar todo iso baixo a miña experiencia nas competicións profesionais", explicou sobre a súa función.
Ao seu carón, a presidenta Lupe Murillo recoñecía que "vivimos estes dous anos unha deriva importante no social e o deportivo". De aí a aposta por potenciar a estrutura da entidade cun home que achegue "maior coordinación, máis presenza social e institucional".
Para Espiñeira esta nova etapa que se abre "é un reto" que lle motiva e moi diferente á súa primeira estancia no club. "Cando cheguei aquí tiña máis ilusión que coñecementos. Foron cinco anos marabillosos" rememora, pero tras 15 anos acumulando valiosas experiencias incluído no fútbol profesional aterra de novo na súa casa e preto de parte da súa familia, outro dos motivos para aceptar o cargo.
En canto aos seus obxectivos "hai dous retos, un deportivo e outro corporativo, pero ambos van da man", defende. No primeiro apartado mira alto para "tentar conseguir chegar ao fútbol profesional porque vai axudar á sustentabilidade, hai máis ingresos, repecusión, hai máis todo e é mellor crecer así, pero agora estamos onde estamos, nunha competición deficitaria".
E no corporativo "é a marca, o produto, pero é a sustentabilidade, isto é unha empresa e hai que facela sostible", e tamén "fomentar as relacións con afeccionados, seguidores, patrocinadores, todo vai da man".
De momento está aínda aterrando, para aos poucos, aseguran tanto o club como o proio Elías Espiñeira, ir marcando novas pautas que permitan dotar o Pontevedra "dunha estrutura cada vez máis sólida".
Relacionadas:
-
Nin o 'gol de Señor' salvou o Pontevedra do descenso na Primeira RFEF nun ano para esquecer
Por Diego Espiño |
-
A cidade deportiva do Pontevedra, un proxecto do que non se esquece Lupe Murillo: "Teño outro terreo alternativo"
Por Diego Espiño |
-
Elías Espiñeira regresa ao Pontevedra como novo "mánager xeral"
Por Diego Espiño |