Nin o 'gol de Señor' salvou o Pontevedra do descenso na Primeira RFEF nun ano para esquecer
Por Diego Espiño
O deporte pontevedrés viviu grandes momentos durante o ano 2023, con citas inesquecibles como a Gran Final das Series Mundiais ou o partido da España campioa do Mundo en Pasarón, pero para os clubs locais a tempada que se pechou no mes de xuño non foi precisamente positiva.
A clasificación europea do Tenis de Mesa Monte Porreiro e as permanencias do Waterpolo Pontevedra no seu primeiro ano en Primeira Nacional, do Bádminton Ravachol ou da Gimnástica en División de Honra salvaron a cara dos equipos da Boa Vila nun curso que foi especialmente tormentoso para o Pontevedra Club de Fútbol, que viviu unha torutura en Primeira RFEF ata terminar descendendo. Tampouco o Club Cisne foi capaz de selar a permanencia na Liga Asobal e a outros como o Arxil escapóuselle o ascenso. Destacou ademais a campaña dun Poio Pescamar que xogou por primeira vez na súa historia o play-off polo título de liga.
No que respecta ao Pontevedra, o 2023 empezou realmente torcido. Antonio Fernández comeu o turrón como adestrador dos granates, pero dúas derrotas nas dúas primeiras xornadas do ano acabaron co seu crédito, sendo cesado o día 18 de xaneiro e co equipo a 4 puntos da salvación xusto ao peche da primeira volta.
A entidade lerezana decidía entón apostar polo seu director deportivo, un Toni Otero que só durou seis xornadas no banco. Un só triunfo cun empate e catro derrotas (4 puntos de 18 posibles) no medio dun ambiente cada vez máis enrarecido con afeccionados e prensa, aos que chegou a prohibir o acceso aos adestramentos, propiciou unha nova substitución e ademais a saída do club de Otero, desposuído de todas as súas funcións. O equipo era entón pechacancelas a sete puntos da permanencia.
Era finais de febreiro e o Pontevedra ía a por o seu terceiro adestrador do ano na busca dun milagre para salvar a categoría, e optou polo protagonista doutra lembrada fazaña para tentalo, Juan Señor, o autor do famoso último gol do 12-1 de España a Malta. Levaba 19 anos afastado dos bancos profesionais.
O certo é que o seu inicio foi esperanzador. Perdeu na súa estrea en Fuenlabrada pero despois conseguiu tres triunfos en catro xornadas que dispararon a ilusión por salvar a categoría reducindo a distancia coa zona de permanencia aos tres puntos. Con todo os malos resultados fóra da casa (0 puntos de 18 posibles) terminaron enterrando todas as opcións.
Certificouse o descenso e abriuse unha época de importantes cambios na casa granate. O primeiro, tras a emotiva retirada dunha lenda como Charles Dias e co seu paso á secretaría técnica do club. O brasileiro asumía galóns na planificación deportiva e a entidade apostaba como un adestrador como Yago Iglesias para tentar ir de novo a por o ascenso a Primeira RFEF. Ademais volvía ao Pontevedra como mánager xeral Elías Espiñeira, coa intención de dotar de maior peso á estrutura da entidade.
A nova tempada empezaba con dous tropezos, con derrota na casa e empate a domicilio, pero o equipo empezaba despois a carburar gañando confianza a base de goleadas para terminar 2023 como líder de grupo e soñando con recuperar en 2024 o terreo e a categoría perdida. Razóns para crer niso dá polo momento o conxunto granate.
Relacionadas:
-
Elías Espiñeira asume o mando na coordinación do Pontevedra: "Hai dous retos, deportivo e corporativo, pero van da man"
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |
-
Yago Iglesias, presentado como adestrador do Pontevedra: "A miña intención é estar moitos anos no club"
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |
-
Charles e a súa nova vida no Pontevedra como ex-futbolista: "Imos tentar facer as cousas ben, desde abaixo"
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |
-
O adeus dunha lenda granate: Así quedan os números de Charles tras a súa retirada
Por Diego Espiño |
-
Charles: "Despedirse así é o soño de calquera xogador, o que pasou hoxe levareino para toda a miña vida"
Por Diego Espiño |
-
Xa é matemático. O Pontevedra descende e xogará a próxima tempada na Segunda RFEF
Por Diego Espiño |
-
Toni Otero: "Tentei facer do Pontevedra un club máis profesional, non sempre se consegue"
Por Manu Otero |
-
Juan Antonio Señor, novo adestrador do Pontevedra
Por Manu Otero |
-
O Pontevedra despide o adestrador Antonio Fernández
Por Manu Otero |