O gol é cousa de todos no Pontevedra
Por Diego Espiño
O Pontevedra Club de Fútbol segue de doce, tras sumar fronte ao Real Oviedo Vetusta o seu cuarto triunfo consecutivo e o seu cuarto partido coa meta a cero. Neste intervalo os granates anotaron ata 14 goles, cunha gran eficacia ofensiva, o que situou ao equipo como o que ten un mellor diferencial ao seu favor nas catro principais categorías do fútbol nacional.
Con 23 tantos anotados e 4 encaixados o Pontevedra acumula un +19 ao que só se lle achega o Castellón na Primeira RFEF (+18). En Primeira División o mellor dato é do Atlético de Madrid (+15) e en Segunda División do CD Leganés (+14).
Pero os datos reflicten ademais o rendemento que están a ofrecer todas as liñas do persoal adestrado por Yago Iglesias, e é que o gol está a ser cousa de todos. Ata once futbolistas 'mollaron' esta tempada, repartindo unha responsabilidade que non só está a recaer na dianteira.
Máis aló dos 5 goles de Rufo e os 5 de Yelko Pino, viran porta ata o duelo contra o filial ovetense Álex González (3), Dalisson (3), Ángel Bastos (1), Hermelo (1), Garay (1) e Chiqui (1), sumándose á lista o domingo Samu Mayo, Valentín Jaichenco e Charly.
As estatísticas falan ademais de que cinco deses goles chegaron desde o banco, e mesmo a defensa está a achegar na faceta realizadora.
Para poñer en contexto os datos, o pasado curso a estas alturas só cinco futbolistas marcaran un gol, e só dous desde o banco de suplentes. Un ano antes, na 21-22, seis eran os xogadores que lograran marcar, tamén con dous tantos desde o banco e con Charles e Rufo centrando a maioría de dianas (seis cada un), mentres que na 20-21 na xornada 8 de liga oito xogadores granates tiñan celebrado un gol, pero ningún deles partindo desde o banco.
Uns números que o Pontevedra tentará seguir engordando a próxima xornada na súa visita ao campo do Real Avilés (domingo 19, 12.00 horas), actual undécimo clasificado con 9 puntos.
Relacionadas:
-
O Pontevedra rasca un punto na casa dun correúdo Avilés (1-1)
Por Almu Dapena |
-
"Saída complicada" para o Pontevedra contra o Avilés, un "xigante durmido" que "está á espera de ter unha serie positiva"
Por Almu Dapena |
-
Álex González e Dalisson estrean este curso as visitas escolares do Pontevedra
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
Avilés-Pontevedra, un duelo con historia
Por Diego Espiño |
-
Yelko Pino e o bo momento do Pontevedra: "Isto non é nada fácil, non vai ser a realidade de todo o ano"
Por Diego Espiño |
-
Aumentar a asistencia a Pasarón, tarefa pendente do Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Yago Iglesias: "Na primeira parte faltounos esa fluidez para ese último pase que si apareceu ao final"
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
Triunfo de oficio do Pontevedra para colocarse a dous puntos do liderado (3-0)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
Oier Calvillo, de rescindir no Pontevedra á liga universitaria norteamericana: "Sempre quixen vir a USA"
Por Diego Espiño |
-
Dalisson rebaixa a euforia: "Estamos tranquilos, cos pés na terra porque queda moito por diante"
Por Diego Espiño |
-
Edu Sousa bota o cadeado á portería do Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
O mellor arranque goleador do Pontevedra nos últimos 40 anos
Por Diego Espiño |