Empate amargo para o Poio Pescamar contra o Roldán nun partido para a historia (4-4)
Por Diego Espiño
Un gol no último minuto de xogo deixou sen efecto a remontada do Poio Pescamar na complicada cancha do Roldán murciano, equipo que chegaba como terceiro clasificado, nun duelo ademais para a historia ao ser o primeiro choque de liga de Primeira División Feminina televisado en directo a nivel nacional pola canle Teledeporte.
As vermellas tiveron que conformase co empate (4-4) nun duelo que tiñan na man e tras superar un inicio complicado, xa que a saída do Roldán as descolocou. Cando non se chegara nin ao segundo minuto de xogo xa se atopaban por detrás no marcador, ao culminar Carmen unha xogada combinativa do seu equipo.
Rozou o segundo Andrea Marín, aínda que aos poucos o Poio empezaba a ter presenza en ataque e Ale de Paz tamén estivo preto do gol.
A pesar diso non lle gustaba o que vía a Luis López-Tulla e pedía tempo morto aos 7 minutos para ordenar as ideas do cadro conserveiro. Funcionou a manobra e Rocío Gómez empataba no 9 aproveitando un pase ao segundo pau de Laura Uña.
Co empate o Roldán deu de novo un paso á fronte metendo en apertos a unha Elena que empezaba a intervir con frecuencia, e con acerto sobre todo nun man a man con Carmen. Nada puido facer con todo a pouco do descanso co 2-1, obra Mayte Mateo.
Con desvantaxe mínima chegábase ao intermedio, e puido ser peor nas primeiras accións tras a continuación, aparecendo de novo Elena en portería para manter ao seu equipo no partido en dúas accións conseutivas.
Non anotaron as locais e castigouno o Poio Pescamar á primeira que tivo, no 22. Laura Uña controlaba ao bordo da área, recortaba, e conectaba un disparo que se convertía no 2-2.
O gol igualou ao máximo as forzas, calquera cousa podía pasar con dous equipos xogando sen complexos, cun intercambio de forzas no que volveu golpear o equipo conserveiro. Rocío interceptaba un pase da gardameta local, que saíra da súa portería, e desde campo propio marcaba para poñer por primeira vez en vantaxe ás vermellas a falta de 12 minutos para a conclusión.
Co marcador a favor o Poio deixou unha maior iniciativa ao seu rival esperando a opción para ampliar a brecha. Estivo preto nunha acción de Ale de Paz, e conseguiuno a 7 do final Carla Ayensa rematando ao primeiro toque un envío en longo coa man de Elena, que antes desbaratara unha opción do Roldán.
Cando restaban algo máis de 4 minutos, o Roldán introducía o xogo de cinco buscando desesperadamente achegarse no marcador, e atopou premio aos poucos segundos nunha desafortunada acción, ao marcar en propia meta Elena Aragón.
Insistían as locais e parecía defenderse con acerto o Poio Pescamar, ata que no último minuto Marian acertaba á segunda para poñer no arcador o definitivo 4-4 que deixa ás da Seca con 13 puntos no media da táboa clasificatoria.
Consulta a acta do partido entre STV Roldán e Poio Pescamar.
Relacionadas:
-
Traballada vitoria do Poio Pescamar ante o pechacancelas Leganés (1-5)
Por Redacción |
-
Remontada no último minuto do Poio Pescamar sobre o Atlético Torcal (3-1)
Por Redacción |
-
Desafíos opostos para Marín Futsal e Poio Pescamar
Por Redacción |
-
Poio Pescamar e Marín Futsal, a recuperarse da eliminación na Copa da Raíña
Por Redacción |
-
O Burela deixa o Poio Pescamar sen fase final da Copa da Raíña (4-2)
Por Redacción |
-
O Poio Pescamar sentenza no primeiro tempo o derbi ante o Ourense Envialia (2-0)
Por Cristina Saiz & Almu Dapena |
-
O Poio Pescamar rompe a imbatibilidade do Arcorcón (3-1)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |