Primeira derrota dun Teucro que morre na beira fronte ao Lanzarote (28-29)
Por Redacción & Cristina Saiz
A oitava consecutiva resistíuselle á Sociedad Deportiva Teucro, que perdeu este sábado en Príncipe Felipe a súa condición de invicto nun tolo e emocionante partido non exento de polémica e que se terminou decidindo nos instantes finais (28-29)
O vicedecano recibía o San José Obrero de Lanzarote, un teórico rival directo polos postos de honra, e mostrou caracter para sobrepoñerse a un terrorífico inicio de partido, aínda que acabou morrendo na beira.
Foi o cadro canario o que saltou mellor á pista, cun 0-3 de saída que obrigou a Irene Vilaboa a parar o choque antes do minuto 4. De pouco valeu. O Teucro tardou seis minutos en ver porta, cun gol de Xurxo Rivas, e o parcial en contra disparouse ata un demoledor 1-7.
A parte positiva é que faltaba un mundo de partido por diante, e aos poucos os azuis foron entrando en calor. Aínda así a defensa do Lanzarote seguía dificultando moito o labor, e pasado o ecuador do primeiro acto o banco local gastaba o seu segundo tempo morto (6-12).
Picando pedra os pontevedreses non se rendían e cun gol de Andrés nos instantes finais do primeiro tempo conseguían chegar ao descanso só tres abaixo (13-16). Chovía, pero menos.
A tendencia cara á remontada mantívose ao comezo do segundo acto, cando con dous goles consecutivos de Dzokic o Teucro empezaba a botar o seu alento no cocote do San José Obrero (16-17), aínda que o empate fíxose de rogar ata o 20-20.
O máis difícil estaba feito, faltaba dar o último paso, pero era o máis difícil. O duelo gañou en tensión cos visitantes aínda marcando a pauta con lixeiras vantaxes. Foi así ata o minuto 47, momento no que un gol de Daniel Vicente Pintus poñía por primeira vez por diante no partido o Teucro (25-24), consolidando despois o mando Eloy Krook.
Tocaba sufrir desde unha posición diferente para pechar o triunfo, e fíxoo o conxunto teucrista ata que unha exclusión de Xurxo Rivas con 28-27 no marcador volveu cambiar a tendencia.
Non chegaron a superalo os de Irene Vilaboa, fallando en ataque nos momentos decisivos, e aínda así mereceron máis, tras unha parada de Santana que daba o último balón para empatar. Non o permitiu a preja arbitral, que decretou uns polémicos pasos que acaban coas esperanzas locais. A vitoria era canaria.
Relacionadas:
-
Sancionan o Teucro por "comentarios ofensivos" contra a arbitraxe e a Federación durante unha retransmisión por streaming
Por Diego Espiño |
-
Reacción tardía do Teucro e derrota pola mínima contra o OAR Coruña (30-31)
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
Agónico triunfo do Teucro en Lalín (26-27)
Por Redacción |
-
Sete de sete para o Teucro que mantén a súa serie cun bo triunfo ante o Ingenio (29-35)
Por Redacción |
-
O Teucro supera o Tejina e segue en modo invencible (34-20)
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
Reforzo no Teucro e cambio de pavillón para tentar prolongar o seu bo momento
Por Redacción |