Borja Domínguez ve a luz dez xornadas despois: "Estou con moitas ganas de poder volver a unha convocatoria"
Por Diego Espiño
Más de dous meses leva afastado dos terreos de xogo Borja Domínguez, desde que na primeira xornada de liga, aos 29 minutos de xogo, tivo que pedir o cambio por lesión ao sufrir un contratempo muscular. Nada facía pensar entón que o problema físico complicaríase de tal maneira. Agora, dez xornadas despois, está en disposición por fin de volver a unha convocatoria do Pontevedra Club de Fútbol.
"A verdade é que levo dúas semanas adestrando co grupo e as sensacións son bastante boas, volvo coller ritmo e iso é o importante, a lesión parece que está pasada e estou moi contento", recoñece a PontevedraViva o centrocampista.
"Foi unha lesión que nun principio parecía que era pouco pero foi bastante grave. Ao principio fixemos unha recuperación baseándonos niso e a realidade é que era bastante grande e foi máis complicado de curar", explica Borja. Ademais a cautela para evitar unha recaída foi un aspecto decisivo para decidir tomar o tempo necesario para a recuperación, porque "estamos no incio da tempada e o importante é que cicatrice ben, que cure ben, para ter o resto da tempada limpa".
"As sensacións para min estaban a ser boas en pretempada e por iso quizais me amolou máis a lesión"
En todo caso quedar fóra de xogo doeulle especialmente. Estaba a sentirse cómodo co seu rol no equipo, xa que "o fútbol que nos transmite Yago é algo que a min me gusta, poténciame como xogador, e atópome a gusto. As sensacións para min estaban a ser boas en pretempada e por iso quizais me amolou máis a lesión".
Iso por fortuna xa é pasado, e despois de tantas semanas sen poder estar ao dispor de Yago Iglesias, o futbolista vigués está "con moitas ganas de poder volver a unha convocatoria", aínda que sabe que tras debutar na primeira xornada como titular e como unha das referencias para seguir do plantel agora entrar no once vai ser todo un reto.
"O equipo está a funcionar, os que están a xogar están a facelo ben, pero eu vou poñerme ao dispor do míster para o que me necesite. Alí estarei, os minutos que el queira", afirma convencido de que volverá chegar o seu momento de pelexar pola titularidade. "Como sempre fixen na miña carreira pelexarei por iso", asegura, e ademais ao longo dunha liga "necesitamos de todos e temos que sumar desde todas as partes do campo".
En canto ao equipo e o seu futuro inmediato, Borja Domínguez mira xa como uno máis á próxima xornada de liga, coa visita ao Marino de Luanco nun encontro no que "a idea é volver gañar, recuperar as sensacións de vitoria que son importantes, porque ao final se queremos ascender de primeiros todos sabemos que temos que sumar de tres".
Relacionadas:
-
O Pontevedra buscará en Luanco "ser unha mellor versión que as xornadas anteriores"
Por Almu Dapena |
-
Confianza no Pontevedra tras os dous últimos empates: "Sería máis preocupante non xerar ocasións"
Por Diego Espiño |
-
Luanco, un desprazamento 'amable' como poucos na historia do Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Un once inicial que xa se recita de memoria
Por Diego Espiño |
-
Yago Iglesias: "Foi un dos mellores partidos disputados no que vai de competición"
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
Ocasións perdidas e empate sen goles entre Pontevedra e Rayo Cantabria
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |