O PSOE propón colectores soterrados nas zonas máis sensibles do Centro Histórico
Por Oskar Viéitez
O candidato do PSdeG-PSOE á Alcaldía de Pontevedra, Agustín Fernández, apostou pola definición de zonas sensibles no Centro Histórico con colectores soterrados. Para o resto do Centro Histórico propuxo unha recollida porta a porta, retirando os colectores da rúa para colocalos dentro dos locais de hostalería ou, nos casos en que se considere oportuno, dos portais.
A meirande parte dos veciños, simplemente depositarían as bolsas de lixo ás horas de recollida e lle serían retiradas da porta pola empresa concesionaria en recollidas express.
CASA DA LUZ
O candidato socialista tamén falou de potenciar a Casa da Luz e a rede turística municipal “posto que atende a máis de 60.000 visitantes anuais, o que supón preto do 90% de todos os turistas que se atenden na cidade de Pontevedra. Unha evidencia ben clara do papel que xogan as oficinas do resto das Administracións”.
Por este motivo, os socialistas están pola centralización da atención turística na Casa da Luz, un edificio situado no corazón histórico da cidade, "amplo e perfectamente accesible".