Reforzar o transporte público, mellorar a limpeza e máis Policía, apostas do PSdeG-PSOE para Monte Porreiro
Por Redacción
O candidato do PSdeG-PSOE á Alcaldía, Agustín Fernández, desvelou este xoves as súas propostas específicas para o barrio de Monte Porreiro. Para os socialistas, trátase dunha zona importante ao ser unha das de maior densidade de poboación de todo o concello. Nela, aseguran, "algunhas demandas históricas cumpríronse ou están a piques de facelo, pero aínda quedan moitas cousas que facer".
Agustín Fernández, acompañado de Paloma Castro e Iván Puentes, compareceu diante das naves da Escola Obradoiro, onde anunciou a súa intención de reaproveitar estas instalacións no marco de iniciativas municipais propias, en materia de formación laboral, ou en convenio con asociacións empresariais ou sociais.
Ademais, os socialistas ven crucial apostar forte polo transporte urbano, incrementando a subvención a esta liña. O candidato engadiu que, paralelamente, débese concluír o novo vial de acceso a partir do tramo xa construído na parcela de Tafisa. Este novo acceso quedaría reservado ao tráfico ordinario, mentres que o transporte público gozaría de preferencia na avenida de Bos Aires, onde tamén sería necesario actuar para reforzar o carácter peonil.
O Concello debe, segundo Fernández mellorar tamén algúns servizos, como o de limpeza e incrementar a presencia da Policía Local, así como optimizar a atención que presta a traballadora social.
O programa do PSdeG-PSOE para Monte Porreiro inclúe tamén outras medidas como corrixir a cuberta do campo de fútbol, abordar o mantemento dos xardíns fronte aos edificios recentemente cedidos ao Concello, revisar toda a iluminación, ou incrementar a programación deportiva.
Relacionadas:
-
O PSOE aposta por recuperar o Café Moderno para o uso gratuíto das entidades culturais
Por Redacción |
-
Agustín Fernández promete destinar 2,2 millóns de euros anuais a políticas para reactivar o emprego
Por Redacción |
-
O PSOE propón colectores soterrados nas zonas máis sensibles do Centro Histórico
Por Oskar Viéitez |
-
Agustín Fernández quere retirar os lombos que sobran e que a Policía Local volva patrullar a pé
Por Oskar Viéitez |
-
Os socialistas de Pontevedra e Marín reivindican a construción dun paseo peonil-bici
Por Redacción |