As festas de San Xoán recuperan os seus concertos

Poio
23 de maio 2021

O programa festivo atópase aínda en fase de confección, pero unha das partes máis agardadas, a dos concertos musicais, atópase xa pechada. Lucía Pérez, Susana Seivane e Gustavo Almeida ofrecerán este verán actuacións na explanada da Seca

Susana Seivane en Culturgal Xunta de Galicia

As festas de San Xoán de Poio volverán estar marcadas pola situación da pandemia. O programa atópase aínda en fase de confección, pero unha das partes máis agardadas, a dos concertos musicais, atópase xa pechada. Lucía Pérez, Susana Seivane e Gustavo Almeida ofrecerán este verán actuacións na explanada da Seca, na que se habilitará un espazo no que a distancia social e o aforo estarán perfectamente controlados.

"Apostamos por ampliar a programación e propoñer iniciativas nas que estea garantida a diversión e o goce dos e das asistentes, ao mesmo tempo que garantimos o cumprimento rigoroso de todas as medidas sanitarias e de aforo pertinentes”, explica o titular de Festexos, Xosé Luís Martínez.

Unha das grandes novidades con respecto á edición do 2020 é que a evolución epidemiolóxica favorece a organización de eventos con aforo numeroso pero controlado.

As festas de San Xoán darán comezo o día 23 de xuño e estenderanse ata o día 27."Levaranse a cabo iniciativas e actuacións pensadas para toda a familia e que se dispersarán por toda a parroquia, co obxectivo de implicar a toda a veciñanza”, apunta o concelleiro. Con todo, volverase prescindir de eventos como as verbenas, o pregón, a gran fogueira da Seca ou a tradicional sardiñada.