A Bienal converterá a Pontevedra nun escenario vibrante de reflexión, debate e celebración da cultura contemporánea

Pontevedra
26 de maio 2025
Actualizado: 19 de xuño

Esta cita internacional, organizada pola Deputación de Pontevedra, reflexionará acerca de varios temas que reflicten o momento presente da arte e os desafíos da sociedade actual

Presentación do programa da Bienal de Arte

As Ruínas de Santo Domingo acolleron este luns a presentación do programa de artes vivas da Bienal, que se celebrará entre xuño e setembro deste 2025 en Pontevedra e tamén nas sedes de Ponteareas, Vigo, Sanxenxo e O Grove.

A 32ª Bienal de Pontevedra abrirá as súas portas o sábado 21 de xuño. Segundo explicou o comisario da Bienal, Antón Castro, esta cita internacional coa arte contemporánea, organizada pola Deputación de Pontevedra a través do Museo de Pontevedra, reflexionará acerca de varios temas que reflicten o momento presente da arte e os desafíos da sociedade actual "nun mundo gobernado por psicópatas narcisistas".

O título "Volver ser humanos. Ante a dor dos demais" parte do pensamento de Rob Riemen e dos textos de Susan Sontag e suxire que só a través da reflexión sobre o conflito podemos redescubrir a nosa humanidade.

Máis de sesenta artistas de 28 nacionalidades, incluídos algúns de zonas en conflito, participan con obras que abordan temas como a espiritualidade, o amor, a tolerancia, a verdade e a utopía "buscando ofrecer unha resposta de esperanza e convidar á reflexión e a sanación colectivas". A exposición comeza con 'Os desastres da guerra' de Goya, unha serie que establece as bases para explorar o sufrimento humano e as formas de resistencia fronte á violencia.

"Vai ser un exitazo", augurou o presidente da Deputación, Luis López que tamén salientou que "a provincia de Pontevedra é unha potencia natural, turística e cultural" algo que a Bienal "vai proxectar a todos os niveis".

Neste sentido, afirmou López que a recuperación da Bienal será unha oportunidade para "consolidar á cidade e á provincia como un foro no que reflexionar sobre a condición humana", para afianzar o crecemento do turismo internacional nas Rías Baixas, "porque moitas persoas descubrirán este paraíso e despois pasará o que pasa sempre, quen proba, repite"; e un "revulsivo económico" para a hostalaría e o comercio local de toda a provincia.

Tamén o vicepresidente Rafa Domínguez remarcou a importancia deste evento para a cidade e o prestixio dos artistas convidados, moitos deles con experiencias en bienais tan recoñecidas coma a de Venecia. Segundo explicou, moitos artistas aceptaron participar nesta Bienal pontevedresa polo tema escollido e tamén pola recuperación da Bienal máis antiga da Península Ibérica, que "ven para quedar".

O Museo de Pontevedra será o epicentro pero a Bienal estenderase por prazas, fachadas e edificios emblemáticos de toda a cidade.

En Pontevedra acollerán obras da Bienal: os edificios Castelao e Sarmiento do Museo de Pontevedra, a Igrexa do convento de Santa Clara, as Ruínas de Santo Domingo, o Café Moderno Afundación, a Facultade de Belas Artes, as Fundacións Manuel Moldes e RAC, a Illa das Esculturas e a Ponte de Santiago. Tamén as fachadas do Pazo Provincial da Deputación, da igrexa da Virxe Peregrina e da Casa da Luz.

Ademais, serán sedes do programa de Artes Vivas o Museo das Salgadeiras de Moreiras, do Grove; as Naves de Aceiros do Tea, en Ponteareas; a Capela da Lanzada, en Sanxenxo e o Museo do Mar de Galicia, en Vigo. E en Pontevedra: o Liceo Casino, o Museo de Pontevedra, o Pazo Provincial da Deputación, as Piscinas do Complexo Deportivo Rías do Sur e o Teatro Principal.

O domingo 22 de xuño activarase no Museo de Pontevedra a peza 'Máquina para restaurar a empatía', de Eva Koťátková e terá lugar o espectáculo da artista palestina Raida Adon 'Me and My Soul' (A miña alma e máis eu), ambas as citas no Edificio Castelao.

Os días 20, 21 e 22 de xuño, ás 23:30 horas, terá lugar a intervención artística 'Peregrinacolor' na fachada da igrexa da Virxe Peregrina de Patrick Warrener, con música de Akazie, consiste nunha proxección lumínica que dialogará coa arquitectura do templo e resaltará as súas formas e detalles mediante o uso da luz.

A Bienal de Pontevedra inclúe no seu programa o ciclo 'Cine, Arte e Guerra' que programará as películas 'Diamantes da noite' (29 de maio), no Xardín do palacete das Mendoza; e no Edificio Castelao, Museo de Pontevedra proxectaranse: 'Hitler vs Picasso e outros artistas modernos' (5 de xuño), 'Bos tempos, marabillosos tempos' e 'Diálogo árabe-israelí' (12 de xuño), 'O silencio do mar' (3 de xullo), 'Nausicaä do Val do Vento' (9 de xullo), 'Culloden' e 'O xogo da guerra' (17 de xullo).

Tamén programarán charlas e conferencias dalgúns dos artistas que partiparán nesta exposición.

En total, a Bienal acollerá obras de: Aboubacar Traoré, Almudena Fernández Fariña, Andrea Davila Rubio, Anna Hulačová, Antoni Muntadas, Antonio Ballester Moreno, Arvin Golrokh, Beatriz Ruibal, Carlos Bunga, Carlos Fer, Carmen Hermo, Centro Documental de la Memoria Histórica (CDMH), Christian Villamide, Dagoberto Rodríguez, Damián Ucieda, Denilson Baniwa, Diana Larrea, Emily Jacir, Eva Koťátková, Farida El Gazzar, Federico Solmi, Francesc Torres, Francisco de Goya, Fritzia Irizar, Gabriel Tizón, Gervasio Sánchez, Hans Haacke, Idoia Cuesta, Isabel Rocamora, Lois Patiño, Manal AlDowayan, Manuel Casimiro, Manuel Vilariño, Marina Núñez, Marta Pazos, Miki Kratsman, Miki Leal, Natee Utarit, Norberto Olmedo, Olafur Eliasson, Paloma Navares, Pilar Albarracín, Priscilla Dobler Dzul, Raida Adon, Regina José Galindo, Robert Capa (Endre Ernö Friedmann), Rosalind Nashashibi, Sandra Cinto, Simeón Saiz Ruiz, Soledad Penalta, Sophia Al-Maria, Susan Philipsz, Taisia Korotkova, Tobias Rehberger, Violeta Quispe Yupari, Wang Guangyi, Wardha Shabbir, Yarema Malashchuk y Roman Khimei, Yasmeen Abdullah, Zehra Doğan.

Arquivado en