En pouco máis de 24 horas, Marta Fernández-Muro (Madrid, 1950) recibirá unha homenaxe máis que merecido á súa carreira. Recollerá en Pontevedra o Premio Feroz de Honra, un galardón que esta 'roubaescenas' do cine español ve como unha "recompensa" a toda unha vida dedicada á actuación.
Desde que a finais dos anos 70 empezaron a chamala directores como Fernando Colomo, Mario Camus, Luís García Berlanga, José Luís Garci ou Pedro Almodóvar, non parou de traballar. Nin en cine nin en televisión, onde agora triunfa en series como Poquita fe.
En Pontevedra, antes da gala dos Feroz, mantivo un encontro co público, xunto con María Guerra, e nesta entrevista con PontevedraViva repasa cinco décadas de traxectoria que empezaron, recoñece, como se baixara unha luz de alá arriba que me dixera o teu é ser actriz".
Coñecías Pontevedra? Estiveras algunha vez?
Estivera fai xa bastantes anos facendo teatro. Unha obra chamada La gaviota. Acórdome que tamén nos choveu moitísimo e facía un aire brutal. Cheguei cun catarro tremendo e puiden saír pouco. Agora que estarei aquí uns días, aproveitarei. E senón, xa virei de novo.
Que sentiches cando che comunicaron que recibirías o Premio Feroz de Honra?
Quedei como parada. Nin sentín nada nin pensei nada. Sorprendeume. Non o esperaba nin estaba na miña cabeza. Non houbo previa. Sóltancho e sen máis. Cando se me quitou esa sorpresa, pois me alegrei moito. Dalgunha maneira, é un recoñecemento a toda unha carreira de esforzo.
Levo cincuenta anos facendo o mesmo. Paréceme incrible, pero foi así. Tiña 27 anos cando entrei na escola de teatro. Nun momento dado decidín deixalo todo e facerme actriz. Entroume unha vocación. Como se baixara unha luz de alá arriba que me dixera o teu é ser actriz.
E como o encaixas neste momento da túa carreira?
Que os xornalistas cinematográficos recoñezan o meu valor, agrádame. É como unha recompensa, porque houbo bos momentos e tamén moi malos. Lévame a pensar que non me equivoquei. Vese que había algo en min que estaba destinada a ser actriz. Non me confundín.
A túa carreira estivo moi ligada ao cine español máis libre e arriscado. Cres que hoxe sería posible empezar unha traxectoria como a túa desde ese mesmo punto?
Agora estamos un pouco retraídos. A sociedade en xeral. Pero tampouco é que eu puidera escoller os papeis. Case ningún actor o consegue. Escóllenche os directores. Eu nunca fun tan importante na industria como para que me chegasen tres guións e poder elixir.
O que si é certo que, se cadra, eu tiña unha mentalidade máis aberta ou distinta ou me rodeei de xente que tamén quería facer un cine distinto. Víanme capaz de facer personaxes que entraban dentro deses esquemas. E moitos deles eran realmente innovadores.
Pero como eu xa decidira que esta ía ser a miña carreira, pois acabei facendo de todo. Bo e malo. O que pasa é que a xente adoita acordarse das cousas máis innovadoras que doutras que pasan máis percibidas. E, sobre todo, dos éxitos máis que dos fracasos.
Empezaches no cine nun momento convulso, nos albores da democracia, nos que reinaba o 'destape'. Moitas compañeiras túas quedaron polo camiño...
Si, quedaron porque, para a súa mala sorte, chegou ese cine do 'destape'. Pasamos á democracia e o único que se lles ocorreu á maioría dos directores foi espir ás señoras. Parecía que non había outro afán en España. Había tal especie de euforia ou de represión que só pensaban niso.
E esas mozas quedaron atrás. Moitas quedaron encaixadas nese cine e tiveron máis dificultade. Quedaron moi marcadas. E iso que non só ensinaban o corpo. Había moi boas actrices. A min non me ofreceron esas cousas. Diríalles que non. Non estaba na miña cabeza.
Traballaches con algúns dos directores máis influentes do cine español. Considéraste unha actriz con sorte nese sentido?
Traballei co máis selecto dunha época. Cos que fan cine agora, non. Estou a pensar nos mozos de agora e non os coñezo. Non me chamaron. Chamoume Berlanga, Mario Camus, Almodóvar... moita xente importante. Pero cos mozos de agora, moi pouco.
Hai público, sobre todo o máis novo, que che descubriu agora con Poquita fe.
Pepón Montero e Juan Maidagán deron no cravo. Todo o mundo viuna, desde o que che vende a froita, pasando polo taxista, o que é avogado e é un tipo moi serio ou o médico ao que vas para que che vexa o que sexa. Foi algo transversal e brutal en todos os sentidos.
Hai algún personaxe ao que lle teñas un agarimo especial ou do que se che quedou algo dentro?
Sabes que pasa? Eu, ao revés que moitos actores, penso que todos os personaxes que me ofreceron xa estaban un pouco dentro de min. Eu podo ser moi amable ou unha fera. Podo ser simpática e, de súpeto, soltarche catro frescas. Creo que todo xa o tiña dentro.
Houbo momentos de dúbida ou cansazo nos que pensaches en deixar a interpretación? Que che fixo continuar?
Cansazo, sobre todo. Despois pénsalo, dormes ben dúas noites na túa cama, pásache algo bonito e xa está. Ao final, eu son actriz. Non son outra cousa. Podo gustar máis ou menos, estar mellor ou peor, pero o que coñezo é este oficio. Ao redor diso viraron todas as miñas decisións.
Que papel dirías que xogou o humor na túa forma de entender a actuación e a vida?
Son unha actriz á que sempre me chaman para cousas moi cómicas. O humor estivo presente en case todos os papeis. E a vida eu entendina sempre con humor porque teño un excelente sentido do humor. Iso serviume para afrontar moitas cousas que me pasaron.
As malas circunstancias sempre as salvei con sentido do humor. É raro que unha discusión non saque eu por algún lado algo que faga entrar o aire e un pouco a risa. A case todo na vida pódeselle ver o lado cómico. Axúdame moitísimo a salvarme de situacións moi dolorosas.
Como che gustaría que as novas xeracións de actores e actrices lesen a túa traxectoria?
Que lean o que queiran porque eu xa non estarei e, ademais, dáme un pouco igual. Non teño ningunha aspiración por saber o que a xente diga de min. Encantaríame que todo o mundo dixese que o meu traballo é estupendo, pero iso non vai pasar. Como persoa, si. Gustaríame, sobre todo, que dixesen que son boa compañeira e que sempre mo tomo en serio.
Se puideses falar coa Marta Fernández-Muro que empezaba, que consello lle darías e cal non seguirías hoxe en día?
Á Marta que empezou diríalle 'Marta, a ti o establecido nunca che gustou'. Nacín xa fóra do establecido. Eu era dunha familia totalmente normal, católica e todo o que queiras. Eu nunca sentín que pertencese a iso. Tería que arriscar máis. Ir ao 'underground'.
Pero non souben ou non me atrevín. Quizá non tiven un contacto claro con esa xente. E cando empeza a chamar xente importante do cine, pois me abocaron un pouco a ir por ese camiño. Ao ir facendo carreira e ser medianamente independente a nivel económico xa me parecía imposible parar.
O cine e a televisión cambiaron profundamente -para ben- nas últimas décadas. En que aspectos cres que aínda queda moito por facer?
Mellorou todo moitísimo, pero por suposto que as cousas se poden facer aínda mellor. Non é que o cine español estea á altura do cine italiano, do neorrealismo. Nin ao nivel máis alto da Nouvelle Vague. Pois non o estamos. Iso non vai gustar, pero é así. Fíxate se nos queda. Hai cine moi bo, pero nos queda. Se non, pechariamos o negocio.