Mofa e Befa, Teatro do Noroeste e danza con Daniel Rodríguez, na nova tempada da Rede Galega en Vilagarcía

O Salnés
18 de xaneiro 2026

O dúo Mofa e Befa, dirixido por Quico Cadaval, abre este ciclo da Rede Galega de Teatros e Auditorios o 7 de febreiro coa obra "Os dous de sempre"

Escena de 'Guerra', de Teatro do Noroeste Teatro do Noroeste

Tres representacións formarán parte da programación do ciclo da Rede Galega de Teatros e Auditorio para o primeiro semestre do ano en Vilagarcía de Arousa.

A oferta será variada e para todo tipo de gustos, posto que haberá comedia e drama a cargo a Mofa e Befa e Teatro do Noroeste, e danza contemporánea coa compañía de Daniel Rodríguez.

Todas as representacións celébranse en sábado e con horario de inicio ás 20:00 horas.

O ciclo estréase o 7 de febreiro co espectáculo Os dous de sempre, na que Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira (Mofa e Befa) dan vida aos personaxes Pedriño e Rañolas, creados por Castelao, baixo a dirección de Quico Cadaval.

O espectáculo é para público a partir de 13 anos.

A segunda proposta é a que presenta Teatro do Noroeste, un drama de máxima actualidade escrito e dirixido por Eduardo Alonso e titulado Guerra.

Porase en escena o 21 de marzo e está dirixido a espectadores adultos.

A programación da actual tempada pecharase o 18 de abril con Transeúnte, unha montaxe de danza contemporánea dirixida por Daniel Rodríguez e coproducida polo Centro Coreográfico Galego.

Coa intervención de catro bailaríns e dous músicos, o espectáculo forma un diálogo entre a música, o canto e a danza tradicional coa danza contemporánea.

As entradas teñen un prezo reducido de 5 euros. Ademais, hai entradas bonificadas a 3 euros para titulares do Carné Xove e persoas desempregadas.

Xa se poden adquirir a través de Ataquilla.com e, de non esgotarse antes, o mesmo día das funcións, no auditorio.