Mozart, o Quebranoces e dous contos clásicos, propostas da quinta edición de Concertos en Familia

Pontevedra
30 de setembro 2014

Con estes catro espectáculos, o ciclo Concertos en Familia chega á súa quinta edición. Cinco anos, segundo destacou a concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, tratando de achegar a música clásica aos máis novos, buscando que "a coñezan, a entendan e a amen" a través de contos e historias moi coñecidas para eles

A Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra interpreta Cyrano para abrir 'Concertos en familia' Diego Torrado

A música de Mozart, unha adaptación do Quebranoces e dous contos clásicos como O gato con botas e Pedro e o lobo. Con estes catro espectáculos, o ciclo Concertos en Familia chega á súa quinta edición. Cinco anos, segundo destacou a concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, tratando de achegar a música clásica aos máis novos, buscando que "a coñezan, a entendan e a amen" a través de contos e historias moi coñecidas para eles.

Trátase dunha cita xa consolidada na programación cultural do Concello de Pontevedra e que conta cunha gran aceptación por parte do público. De novo contará con propostas artísticas novedosas ou con espectáculos inéditos, interpretados an ambos casos polas agrupacións musicais coas que se colabora habitualmente neste ciclo, a Banda de Música de Pontevedra e a Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra

A programación desta quinta edición de Concertos en Familia é a seguinte:

  • Domingo 12 de outubro: Vai de Mozart: Os instrumentos da orquestra

Vai de Mozart é un concerto vivo, en continua evolución. Está interpretado pola Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra, que estará dirixida por David Fiuza Souto. A través da súa música e da narradora Judith Rey Iglesias, búscase que o público coñeza e goce do son dos diferentes instrumentos de orquestra a través de obras moi coñecidas de Mozart,  achegándonos un pouco máis á vida e obra do xenial compositor a través de divertidas anécdotas.

Idade recomendada: A partir de 5 anos.

 

  • Domingo 2 de novembro: O gato con botas

Baseada no conto dos irmáns Grimm, e musicada pola Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra, dirixida polo compositor portugués Vasco Negreiros e narrada por Olalla González. Ten lugar no campo, onde un pobre muiñeiro ao morrer deixa sos a tres fillos. Na repartición dos seus bens deixa ao fillo maior o muíño, ao do medio un burro e ao máis pequeno un gato. Este último decepcionado, pensa en comelo para non morrer de fame, pero o gato resulta estar cheo de recursos como así se descubrirá ao longo do conto. A representación contará con proxección de imaxes de Marc Taeger.

Idade recomendada: A partir de 5 anos.

 

  • Domingo 23 de novembro: Pedro e o lobo

Pedro e Irati son un matrimonio de fillos e netos de traballadores do ferrocarril, donos agora dun parque temático onde se recrea en miniatura un circuíto dun antigo tren a vapor. Hoxe, utilizando algúns dos elementos escenográficos do seu parque cóntanlle á xente como se coñeceron na estación abandonada de Montefurado, nun día no que toda a aldea andaba a procura dun lobo, de como Pedro cazou o lobo para facerse o valente e vingarse de que lle papara a seu ⿿pata Branca⿝ e como finalmente Irati convence a Pedro para que perdoe ao lobo e o deixe retornar ao seu ámbito natural, o bosque. ÿ un espectáculo de música e monicreques a cargo de Fantoches Baj e a Banda de Música de Pontevedra, dirixida por Juan Lois Diéguez

Idade recomendada: A partir de 5 anos.

 

  • Domingo 21 de decembro: O Crebanoces

O Crebanoces é un espectáculo de música e monicreques inspirado no conto de Hoffmann, con música de Tchaikowsky e dirixido a público familiar. Na noite de Nadal o padriño regálalle á pequena Clara un crebanoces con forma de boneco. De tanto partir noces o boneco acaba rompendo e Clara desgústase moito. Para consolala o padriño contaralle a historia do boneco Crebanoces, xa que o Crebanoces en realidade é un valente personaxe que loitou co seu exército de xoguetes contra a raíña dos ratos. A música correrá a cargo da Banda de Música de Pontevedra, dirixida por Juan Lois Diéguez, e os monicreques estarán nas mans de Larraitz Urruzola. 

Idade recomendada: A partir de 4 anos

 

Todos os espectáculos se representarán no Teatro Principal de Pontevedra, en pase único ás 18:30 horas. Os dous contos musicados pola Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra contarán ademais cun pase concertado con centros escolares ao día seguinte ás 11:30 horas. As entradas, con venda anticipada a través da billeteira electrónica de Servinova, terán un prezo de 5 euros para o público xeral e de 3 euros para menores, estudantes, parados e xubilados.