O "Rei Solomon" conquista Pontevedra

Pontevedra
17 de xullo 2016

"King Solomon" Hicks meteuse ao público do Festival de Jazz no peto no concerto deste sábado

Concerto de "King Solomon" Hicks Diego Torrado

"King Solomon" Hicks meteuse ao público do Festival de Jazz no peto no concerto deste sábado.

Nado e criado en Harlem (NY), Solomon Hicks, coñecido como "King Solomon" é unha das estrelas emerxentes no universo dos guitarristas norteamericanos de blues. Ten só vinte e un anos, e ademais de ser considerado un prodixioso instrumentista, tamén compón, canta e enche o escenario coa súa presenza, desenfadada, como corresponde á súa idade, pero tamén profunda e enraizada na tradición máis clásica do rythm&blues, do jazz, do blues e do rock and roll.

A súa carreira foi dirixida por Jeff Levine, quen fora produtor e teclista de Joe Cocker. Compartiu escenario con nomes clásicos da escena musical estadounidense como Tony Bennett, Jon Hendricks ou Mike Stern.

De Solomon Hicks díxose pola crítica especializada que será un dos grandes dos próximos anos, e foi comparado na súa forma de tocar jazz, nin máis nin menos que con George Benson.

Na súa xira europea presenta o seu disco Carrying on the Torch of the Blues, acompañado de excelentes músicos, entre os que destaca o baixista, enxeñeiro de son e produtor, Kirk Yano, gañador de varios Grammys polos seus traballos con Mariah Carey ou Public Enemy.

No seu concerto de Pontevedra, King Solomon Hicks (guitarra, voz) actuou xunto a Russell Carter (batería), Judson Nielsen (Hammond B3) e Kirk Yano (baixo).