"Recuperar a Bienal permitiranos proxectar a Pontevedra como un referente no circuíto cultural"

Pontevedra
22 de xaneiro 2025
Actualizado: 26 de maio

Luis López e Rafa Domínguez convidan en Fitur a visitar a Bienal de Arte no seu regreso. Deféndena como un revulsivo para seguir posicionando a provincia como destino turístico internacional

Presentación da 32 Bienal de Arte Pontevedra en Fitur Deputación de Pontevedra

"Recuperar a Bienal permitiranos proxectar a Pontevedra como un referente no circuíto cultural". Así o defendeu este mércores o vicepresidente da Deputación Provincial, Rafa Domínguez, durante a Feira Internacional de Turismo de Madrid, Fitur. 

Domínguez e o presidente da Deputación, Luis López, presentaron en Fitur o regreso da Bienal, a máis antiga de España, que retomará a actividade este verán despois de 15 anos de ausencia. 

Na presentación no stand que Turismo de Galicia ten na feira tamén estiveron o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Cultura, Jose López Campos.

Luis López insistiu en que a Bienal "facía de Pontevedra a capital internacional da arte cada dous anos" e "era algo que pagaba a pena recuperar para consolidarnos como un destino turístico internacional ligado á cultura".

O acto, presentado pola xornalista Rebeca Marín, tamén serviu para proxectar unha peza audiovisual para promocionar a Bienal na que foron protagonistas os piragüistas do Centro Galego de Tecnificación Deportiva, o alumnado da Escola de Cantería e o persoal do Museo de Pontevedra. 

Unha das grandes novidades do regreso da Bienal será a inclusión dun programa de artes vivas que implicará a outros catro concellos da provincia: Ponteareas, Vigo, Sanxenxo e O Grove. López defendeu que "o noso proxecto é provincial: descentralizar a programación cultural, deportiva e mesmo turística das grandes cidades".

Rafa Domínguez, "o verdadeiro artífice da recuperación da Bienal" en palabras de Luis López, insistiu en que este tipo de eventos atraen a expertos, coleccionistas, críticos e artistas internacionais, que "contribuirán a difundir a nosa identidade cultural".

Rafa Domínguez, Luis López e José López Campos en FiturDeputación de Pontevedra

A programación estará deseñada para dialogar sobre tendencias globais da arte contemporánea, "facendo que Pontevedra sexa vista como un punto de encontro creativo de relevancia nacional e internacional", subliñou Rafa Domínguez.

Luis López sinalou a recuperación da Bienal como un revulsivo para seguir posicionando a provincia como un destino turístico internacional

Presentación da Bienal de Pontevedra en FiturDeputación de Pontevedra

 

VÍA MARIANA

O presidente da Deputación tamén divulgou ante representantes do sector turístico de distintos territorios de España e outros países outros atractivos do destino turístico Rías Baixas como a Vía Mariana, unha vía de peregrinación que atravesa trece concellos da provincia nun itinerario de máis de 400 quilómetros que une santuarios marianos entre Braga e Muxía.

Xunto coa deputada de Turismo, Nava Castro; e o responsable de Cultura, Jorge Cubela; o presidente Luis López presentou a Vía Mariana como "un itinerario que consolida un modelo de turismo ligado á natureza, respectuoso co medio ambiente, afastado de masificacións e para completar en calquera época do ano".

"A Vía Mariana é a ferramenta perfecta para entender as Rías Baixas, para mergullarse na súa tradición, descubrir tesouros naturais e namorarse do seu carácter hospitalario", defendeu.

Jorge Cubela referiuse á Vía Mariana como un "proxecto turístico, pero tamén cultural, relixioso, económico e social para impulsar o noso territorio, para compartir con todo o mundo a súa beleza natural e cultural, para dinamizar a nosa economía y, con iso, mellorar a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas".

DESTINO DE CINE

Acompañado polo presidente da Spain Film Commission, Manuel Guimeráns, o presidente Luis López e  outros membros do seu goberno achegáronse ata o stand de Fitur Screen, onde Rías Baixas Film Comission conta cun mostrador permanente para amosar as "posibilidades infinitas" que ofrece a provincia para acoller producións audiovisuais de éxito.

Tamén participou na presentación do produto turístico da Mancomunidade do Salnés 'O Salnés Slowbusiness'.

Presentación da Vía Mariana en FiturDeputación de Pontevedra
Acto de presentación da Bienal de Pontevedra en Fitur 2025Deputación de Pontevedra

 

Arquivado en