Seres indóMITOs: Antón Castro

Pontevedra
21 de setembro 2025

Mito Meijón entrevista a Antón Castro, crítico, comisario da Bienal e profesor experto en Historia da arte, amante da reflexión e o diálogo

Antón Castro Mónica Patxot

Falar de Antón Castro é falar de alguén que fixo da cultura un compromiso vital. Comisario da Bienal e referente indiscutible no ámbito artístico, é moito máis que un xestor cultural: é un visionario capaz de tender pontes entre a creación e a sociedade, de ler o presente con ollos críticos e de proxectar a arte cara ao futuro. O seu traballo incansable converteu Pontevedra nun epicentro de reflexión e diálogo, nun lugar onde a cultura non se limita a ser contemplada, senón que se vive, cuéstionase e compártese.

Pero se algo define a Antón Castro é que nunca entendeu a arte como un espazo illado, senón como un motor de transformación social. O seu compromiso coa comunidade, a súa defensa da xustiza e a súa capacidade de escoitar e dar voz a quen habitualmente non a ten convérteno nun referente non só cultural, senón tamén humano. E para min, ademais, é un orgullo poder dicir que é o meu amigo: próximo, xeneroso e sempre disposto a dar un paso á fronte, Antón engrandece non só a Pontevedra, senón tamén a todos os que temos a sorte de telo como amigo.

 

- Dime unha pregunta que non che gusta que fagan.

Ningunha.

- Como é a túa relación con Pontevedra?

Moi amable e empática, especialmente cos que non nacemos aquí.

- Como te definirías?

Unha persoa honesta.

- Con que xeración te identifícas máis: baby-boom, X ou millenial?

Son do baby-boom e identifícome con ela.

- Que características ten a túa xeración?

Os que nacimos nos 50, arrincamos forte nos 70-80 e o noso aceno é unha reconsideración do presente a partir de pasados que conforman unha mirada postmoderna.

- Tras meses de Bienal, agora que está a punto de concluír, cal é o balance?

Moi bo. Non só recuperamos unha Bienal senón que ademais recuperamos unha tese artística consensuada coa contorna internacional cun gran peso de humanismo.

- Relanzar a Bienal tras 15 anos de parón non sería sinxelo, Cal foi o maior obstáculo?

A limitación das licitacións, por iso a Bienal debe ser un organismo autónomo como unha fundación. Doutra banda, hai que ser realistas e depender de terceiros non sempre é fácil. Hai moitas administracións implicadas, e non sempre é fácil facer o que queres.

- Que debería conservarse e que reformularse en próximas edicións?

O esquema foi bo. O relato a partir da tese debe estar sempre implicado co que pasa no mundo. A arte é unha posta en escena do mundo no que vivimos.

- En que investirás o tempo que destinabas ata agora á Bienal?

Eu non teño tempo libre, a verdade. Son comisario de 3 exposicións de Picasso en China que se realizarán en 2026 polo que estou sempre ata arriba de traballo.

- Que é a amizade?

Dar todo sen pedir a cambio.

- Se puideses viaxar no tempo, irías ao pasado ou ao futuro?

Ao pasado sen dúbida. Ao Renacemento e á segunda metade do s. XIX.

- Unha parte da túa casa que che apeteza intervir?

Intervín a miña casa múltiples veces porque son un obseso do deseño. Unha zona que está en constante cambio é a miña biblioteca na que pode haber uns 30.000 libros.

- Dime unha canción que te emocione.

Imagine, de John Lennon.

- Frío ou calor?

Calor sen dúbida.

- Que hai despois da vida?

Creo na transcendencia, así que outro tipo de vida.

- O último capricho que te deches?

Comprar chocolate en Roma.

- A quen che gustaría ver nesta sección?

A Alberto Argibay.

- E por último, que vas facer en canto acabe a entrevista?

Irme a unha performance no Grove.

 

Para Antón, Pontevedra sabe a Kiwi, cheira a mel, é de cor azul e soa a música sinfónica. Definitivamente, Antón Castro sente Pontevedra.

 

 

O CUESTIONARIO

 

- Nunca saio de casa sen… lentes.

Na miña neveira sempre hai… iogures.

No meu armario destaca… camisetas de manga curta.

Sempre fun o ollo dereito de… a nai que me criou.

Pontevedra ten alma de… pedra.

Creo en… a natureza.

O ano que marcou a miña vida foi… o 1959

O mellor agasallo que me poden facer é… non falar mal do meu.

Se non puidese vivir en Pontevedra viviría en… Paris, é máis, gustaríame nun futuro volver a París

O meu momento favorito do día é… os faladoiros da mañá con amigos.

Pontevedra… calma

Antón Castro, comisario de Illa das EsculturasMónica Patxot

 

Arquivado en