O Solifest regresa este ano ao Piñeiriño, en Vilagarcía de Arousa, cunha terceira edición que medra en propostas, participación e compromiso social.
O festival solidario, organizado pola Asociación Veciñal Breogán e Amencer-ASPACE, celebrarase o domingo 19 de abril cun cartel xa completo e co obxectivo de recadar fondos para o labor da entidade centrada na atención a persoas con parálise cerebral.
A programación deste 2026 combina nomes xa coñecidos nas últimas semanas con novas incorporacións que reforzan a diversidade musical e o vínculo co territorio.
Sobre o escenario estarán artistas como Amaramar, Maneiro, Los Bics, Little Pi & Kaiser Xosé e varios DJs locais que forman parte da identidade do evento, como La Yaya Dj, Kris K Dj & Carlos Crespo ou Dj AL.
A estes sumáronse agora propostas moi agardadas, como o grupo de cantareiras As do Xeito, que darán o salto ao escenario tras asistir como público na pasada edición, ou Froallo, que continúa apostando pola música tradicional. Tamén se incorpora por primeira vez o dúo vilagarcián Gramola, moi recoñecido na zona.
Entre os momentos máis esperados da xornada estará o regreso de Fran García, que xa deixou unha actuación moi emotiva na edición anterior ao compartir escenario con usuarios de Amencer-ASPACE.
O festival, ademais, manterá o seu carácter inclusivo cun espazo accesible e sen barreiras, no que artistas e público conviven no mesmo escenario aberto.
Un dos sinais de identidade do Solifest é a súa maratón musical, con máis de 12 horas de música sen interrupción, onde o papel dos DJs resulta fundamental para manter o ritmo entre actuacións. A isto súmase un coidado dispositivo técnico que permite que o festival funcione con fluidez e calidade profesional.
Pero o Solifest vai máis alá da música. A súa programación inclúe actividades para todas as idades, como unha zona infantil con obradoiros, unha área gastronómica con chefs galegos e accións solidarias como "Os Cortes Solidarios" ou un mercadillo artesán con vinte postos. Todo isto reforza o espírito comunitario dun evento que involucra veciñanza, comercios e entidades locais.
Co apoio institucional do Concello de Vilagarcía e da Deputación de Pontevedra, o festival consolida así a súa chamada "Fórmula Solifest", que é unha iniciativa que combina cultura, solidariedade e participación veciñal para crear algo máis ca un evento, unha verdadeira celebración colectiva.