A Gimnástica será anfitrioa na primeira xornada da Primeira División Feminina de atletismo

Pontevedra
07 de febreiro 2018

O Centro Galego de Tecnificación Deportiva acollerá un dos grupos de competición da primeira xornada de liga o domingo 29 de abril. O equipo masculino de División de Honra estreará tempada en Madrid dentro dun complicado grupo

Campionato Galego Absoluto de Atletismo no CGTD Diego Torrado

As pistas de atletismo do Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra acollerán un dos grupos de competición na primeira xornada da liga nacional de Primeira División.

Así o confirmou a Real Federación Española de Atletismo tras establecer os emparellamentos e sedes tanto de Primeira División como de División de Honra.

O atletismo de elite volverá así anos despois a Pontevedra nunha xornada de liga na que será anfitrión o equipo feminino da Sociedad Gimnástica.

No CGTD competirán dentro do Grupo  C, o domingo 29 de abril, os equipos de Pielagos (2º no  estadillo de marcas), Atletismo Feminino Celta (6º) e CEA Tenerife 1984 (13º), ademais da Gimnástica (12º) que afrontará a súa segunda tempada consecutiva na categoría.

O EQUIPO MASCULINO DEBUTARÁ EN MADRID

Un encontro complicado a priori debe afrontar tamén o equipo masculino da Gimnástica na máxima categoría, a División de Honra. 

Un ano máis os mozos estrearanse en Madrid, en sede aínda por confirmar, ante os locais do AD Marathon (5º), o FA Fent Camí Mistala (3º) e o Unicaja Atletismo (13º). O club pontevedrés está situado neste caso o posto 11 do  estadillo de marcas.

No seu caso a xornada terá lugar o sábado 28 de abril.