A lesión de Salma Paralluelo abre as portas da Eurocopa a Tere Abelleira

Pontevedra
29 de xuño 2022

A centrocampista do Real Madrid recibe a chamada do seleccionador Jorge Vilda para substituír á atacante do Vilarreal, que tivo que abandonar a concentración pola lesión que sofre nun dos seus xemelgos

Teresa Abelleira, nun adestramento coa Selección Española Absoluta RFEF

Menos de 24 horas despois de ver como quedaba fóra da lista de convocadas para a Eurocopa, Tere Abelleira viu como a situación daba un xiro de 180 graos. A centrocampista do Real Madrid estará finalmente no compeonato continental. O seleccionador Jorge Vilda chamouna para substituír á lesionada Salma Paralluelo. 

Esta mañá de mércores, a Federación confirmaba a lesión da atacante do Vilarreal. Paralluelo entrara na lista, pero o seu estado físico non era o óptimo, pois arrastraba unha lesión no xemelgo que ao final lle privará de participar na Eurocopa.

Aínda que a súa posición no campo é diferente, o seleccionador estimou oportuno repescar á mediocentro pontevedresa, que se unirá á delegación esta mesma tarde para viaxar a Italia. No país transaplino, a Roja xogará o venres o seu último partido de preparación para desprazarse logo a Inglaterra e debutar o 8 de xullo contra Finlandia. 

A propia Abelleira asumira xa a súa ausencia na cita de seleccións máis importante de Europa. De feito, a través das súas redes sociais recoñeceu "a sorte" que tivo por poder formar parte da primeira convocatoria e desexou o mellor ás súas compañeiras. "Que o camiño sexa moi longo", convidaba a pontevedresa a soñar. Un soño do que agora formará parte.