A liga non descansa para un Peixe Galego na busca de reacción

Marín
28 de decembro 2016

O cadro marinense visita este venres 30 de decembro (21:00 horas) a cancha do Guipuzkoa Basket coa intención de romper a súa serie de seis derrotas consecutivas e engancharse de novo á loita pola permanencia

Javi Llorente no banco do Peixe Galego no partido de liga ante Calzados Robusta Diego Torrado

A competición non para nestas datas na liga LEB Ouro de baloncesto, polo que o Peixe Galego prepárase para o último partido do anoe para unha semana de esixencia máxima.

O cadro marinense visita este venres 30 de decembro (21:00 horas) a cancha do Guipuzkoa Basket GBC, en San Sebastián, coa intención de poñer fin á súa serie de seis derrotas consecutivas e engancharse á loita pola permanencia.

Será o último partido da primeira volta nun compromiso complicado para os de Javi Llorente, ante o actual cuarto clasificado e un equipo, o GBC, que afronta a súa primeira tempada na categoría tras cinco anos seguidos na liga ACB.

O Peixe necesitará a mellor versión do equipo para pelexar polo triunfo e recobrar a moral antes de iniciar a segunda volta da competición, na que a pesar das súas limitacións orzamentarias espera poder pelexar por unha permanencia que supoñería un éxito maiúsculo para o club e que agora está a só un triunfo de distancia.

A directiva marinense sonda estes días o mercado por se aparece unha opción interesante para reforzar o seu plantel, que se demostrou curto nalgunhas fases da liga coincidindo coas lesións de homes importantes.

Tras este partido o Peixe Galego afrontará o mércores 4 de xaneiro en Melilla o seu primeiro partido de 2017, mentres o derbi galego ante o Leyma Coruña, na Raña, fixouse para o domingo 8 de xaneiro ás 20:00 horas.