A Pontevedra 4 Picos terá tamén versión en estrada coa Clásica Evaristo Portela

Pontevedra
12 de novembro 2016

A proba cicloturista contará con dúas distancias, unha curta e outra longa de preto de 130 quilómetros polas zonas que percorre a proba BTT, aínda que sempre en asfalto. A súa primeira edición celebrarase o 25 de xuño de 2017

Segunda edición da Pontevedra 4 Picos Bike & Trail Diego Torrado

A oferta da Pontevedra 4 Picos Bike & Trail amplíase e pasa por primeira vez ao asfalto. A organización da popular proba decidiu organizar, un mes despois da cita de BTT e Trail, unha marcha cicloturista polas estradas da comarca.

Chamarase Pontevedra 4 Picos Road 'Clásica Evaristo Portela', en homenaxe ao director do equipo ciclista Grupo Deportivo Supermercados Froiz.

Segundo os primeiros detalles desvelados habilitaranse dúas opcións, unha marcha curta e outra longa de preto de 130 quilómetros, por un percorrido que discorrerá polos lugares habituais de adestramento de Portela e tamén polas zonas que percorre a 4 Picos BTT, aínda que sempre en asfalto.

A idea é establecer uns tramos cronometrados e facela accesible a todos os afeccionados do ciclismo, tratándoos "coma se estivesen nunha proba para profesionais, con todos os servizos necesarios antes, durante e tras a proba", sinalaron os responsables do evento.

A primeira edición da Clásica Evaristo Portela celebrarase o 25 de xuño de 2017.