A Selección Galega de Ciclocrós pon o broche de ouro ao Campionato de España disputado na Illa das Esculturas de Pontevedra cun total de 11 medallas.
Despois das nove medallas logradas durante a primeira xornada de competición, os competidores galegos pecharon a súa participación no campionato con dúas medallas máis, unha de ouro e outra de prata.
Foron dous ciclistas sub-23, unha delas Irene Trabazo, que se subiu ao podio para recoller a medalla de prata e desquitarse da decepción do ano anterior cando un problema mecánico deixouna sen opcións. Esta vez volveu sufrir un contratempo ao comezo da proba pero a corredora de Marín non deixou escapar a segunda praza na súa categoría e sexta na táboa absoluta.
O outro en conseguir a medalla para Galicia, foi o ourensán Iván Feijoo, que se colgou o ouro tal e como fixera facía un ano no mesmo escenario. O corredor do Nesta tomou o mando da carreira desde a primeira pedalada e mantívose na cabeza ata o paso por meta sen deixar opcións aos seus rivais.
Con estas dúas medallas, o balance total da competición para a Selección Galega neste Campionato de España finalizou en: cinco ouros (Laura Mira, Iván Feijoo, Isabel Castro, Marcial Rodríguez e Natalia Raña), tres pratas (Irene Trabazo, Uxía Soto e Andrés Calvete), e tres bronces (Iván Fernández, Rocío Blanco e Sonia Costoya).
Así mesmo, tamén se celebrou a primeira edición da carreira inclusiva para deportistas con capacidades diferentes reunindo a máis de medio centenar de corredores capitaneados por Borja Gómez, o rapaz que inspirou a idea. Entre os participantes atopábanse membros da Asociación Amencer, Rodando ou Discamino, entre outras.