A renovación da cuberta do Pavillón Municipal, aprazada ata o próximo verán

Pontevedra
25 de xuño 2015

As obras, que se pretendían realizar durante este verán para non afectar á actividade dos equipos, tiveron que retrasarse por unha modificación no proxecto. Haberá que "tirar durante u inverno como se poida", recoñece a concelleira de Deportes, Anxos Riveiro, consciente do problema de goteras que sofre o pabellón  

Pavillón Municipal dos Deportes durante un partido do Teucro Diego Torrado

É unha actuación urxente, pero terá que esperar un ano para realizarse. As obras de reforma da cuberta do Pabellón Municipal dos Deportes non poderán executarse durante este verán, tal e como estaba previsto inicialmente.

Así o confirmou a nova concelleira de Deportes, Anxos Riveiro, que é consciente da necesidade de solucionar os problemas que sofre a instalación e que ocasionan goteras e humidades durante o inverno.

Pese á intención de acometer esta mellora "canto antes" o tempo botouse enriba debido a unha modificación no proxecto inicial, a petición dos técnicos municipais, para actuar tamén nunha zona que sufría condensación.

Este cambio fai que o orzamento ascenda lixeiramente para roldar os 600.000 euros, obrigando a realizar unha modificación de crédito que deberá ser aprobada nun pleno municipal antes de poder sacar a concurso a realización das obras.

Anxos Riveiro: "Haberá que tirar durante o inverno como se poida"

"Para sacar un concurso deste tipo precisamos uns seis meses", polo que os plans de Riveiro pasan por deixar resoltos todos os trámites administrativos a final de ano e poder acometer as obras ao término da próxima tempada deportiva, sobre o mes de xuño, para prexudicar o menos posible aos clubs deportivos.

Esta decisión supón que "haberá que tirar durante o inverno como se poida", recoñece a responsable municipal de Deportes, consciente dos problemas que deberán afrontar os equipos que se adestran e xogan a diario na instalación.

De fondo, a necesidade dun novo pavillón deportivo na cidade, unha vella aspiración que Anxos Riveiro recoñece como prioritaria pero moi difícil de realizar na actual situación económica.