A xogadora do Squash Pontevedra Marta Domínguez consegue o seu primeiro título continental absoluto

Pontevedra
03 de setembro 2021

A nova deportista derrotou ás mellores xogadoras do torneo na súa segunda aparición nunha competición do circuíto PSA, na primeira lograra chegar ata a final

Marta Domínguez, xogadora do Squash Pontevedra Squash Pontevedra

A xogadora do Squash Pontevedra, Marta Domínguez, conseguiu a pasada fin de semana o seu primeiro triunfo nun torneo do circuíto PSA celebrado en Stuttgart. Era a segunda vez que participaba nun campionato deste nivel, o anterior foi unha semana antes en Ámsterdam, onde acabou segunda. 

Na cidade alemá, Domínguez foi capaz de derrotar ás principais favoritas do torneo, eliminando en semifinais á número 2 do ranking e na final á número 1, que ocupa o posto 67 na clasificación mundial.

O triunfo colleu por sorpresa á pontevedresa que afronta este ano a súa primeira tempada na categoría absoluta. "É un cambio moi grande deixar a etapa júnior e empezar na absoluta, pero o traballo duro e a constancia, ten a súa recompensa", dixo despois de sumar a súa primeira vitoria e dando as grazas ao seu compañeiro de adestramentos, Miguel Novegil. "É o que está comigo no día a día", valorou.