Despois dun tira e afrouxa que se prolongou un par de semanas, o Pontevedra confirmou este sábado a continuidade no equipo de Adrián León para a próxima tempada.
O futbolista cántabro aceptou finalmente a proposta de renovación do club e afrontará o seu segundo curso en Pasarón.
Na liga recentemente finalizada León participou en 32 encontros de liga, 30 deles como titular, sendo un fixo tanto para Luisito como para Luismi facendo gala dunha polivalencia que lle valeu a oferta da entidade granate, non en balde participou tanto de central como de centrocampista.
Coa súa renovación pasan a ser nove os futbolistas con contrato en vigor co Pontevedra, xunto a Mouriño, Álex González, Edu, Álex Fernández, David Castro, Berrocal, Nacho López e Darío Flores.
Nos próximos días o Consello de Administración espera ademais pechar as negociacións, para ben ou para mal, co resto de xogadores aos que lle presentou unha oferta para seguir vestindo de granate, como son David Goldar, Éder Díez, Anxo, Kevin e Jimmy.