Águeda Cons brilla con luz propia en Israel e logra a súa segunda medalla no Europeo Junior

Pontevedra
29 de xuño 2017

Segunda xornada e segunda medalla de prata continental para a nadadora pontevedresa, que ademais logrou rebaixar este xoves o record galego absoluto no 400 libre

Águeda Cons, na terceira xornada do Campionato de España Open de Primavera en Pontemuiños Mónica Patxot

Espectacular. Así pode definirse a actuación ata o momento de Águeda Cons no Campionato de Europa Junior de natación que se está a celebrar na localidade de Netanya, Israel.

Se a súa estrea na competición foi sobresaliente, cunha medalla de prata no 800 libre, este xoves a nadadora pontevedresa volveu pisar podio ao ser segunda no 400 libre.

O seu tempo de 4:10.13 supón un novo record galego absoluto nos 400 libre

A xesta é maior se se ten en conta que, do mesmo xeito que no 800, rebaixou a súa mellor marca persoal no mellor momento posible, no medio dunha final internacional. Nesta ocasión a deportista do Galaico nadou tres segundos máis rápido do seu mellor rexistro ata a data cun tempo de 4:10.13.

Este tempo supón ademais batir o record galego absoluto, que ata a data estaba en poder da olímpica María Vilas (4:11.91).

A única deportista que foi máis rápida na proba foi a húngara Ajna Kesely (4:08.25), que xa a venceu no 800 libre, mentres a medalla de bronce foi para a eslovena Katja Fain (4:11.36)

A participación de Águeda Cons no Campionato de Europa Junior aínda non concluíu, xa que a pontevedresa está inscrita aínda en dúas probas máis, o 1.500 libre e a remuda 4x200 libre.