Águeda Cons, primeira medalla para o Galaico no Campionato de España

Pontevedra
14 de xullo 2016

A nadadora pontevedresa logrou a medalla de ouro nos 800 libre de categoría junior batendo ademais a mellor marca nacional de 16 anos. Foi ademais sexta na categoría absoluta

Águeda Cons coa medalla de ouro conseguida nas Palmas CN Galaico

Gran inicio de competición para o Club Natación Galaico no Campionato de España Absoluto e Junior de Verán que se está disputando nas Palmas de Gran Canaria.

Águeda Cons sumou a primeira medalla para os pontevedreses na xornada inaugural, grazas ao seu ouro nos 800 libre categoría junior. A nadadora do Galaico foi sexta absoluta na distancia cun tempo de 8:39.99, o que supón ademais a mellor marca nacional de 16 anos. 

Tamén nos 800 libre Bea Gómez foi décima cun tempo de 8:52.49 e Paula Goyanes duodécima (8:54.68), mentres Lara Gómez clasificou quinta na categoría de 17 anos (9:22.02).

A competición nas Palmas prolongarase ata o vindeiro domingo 17, coas probas preliminares cada un dos días de 10:00 a 13:00 horas e as finais en horario de tarde, desde as 19:00 ata pasadas as 21:00 horas, programación adoptada para favorecer a adaptación do equipo nacional ao horario no que se nadará nos Xogos Olímpicos.