Ania Setién, do Bádminton Ravachol Pontevedra, campioa do Internacional de España júnior

Pontevedra
04 de outubro 2020

Fin de semana cargada de emoción para o Club Bádminton Ravachol Pontevedra, coa disputa do internacional de España júnior, proba do circuíto mundial  júnior de bádminton, celebrado entre o pasado venres e a mañá deste domingo en Oviedo

Internacional de España júnior de Bádminton Club Bádminton Ravachol Pontevedra

Fin de semana cargada de emoción para o Club Bádminton Ravachol Pontevedra, coa disputa do internacional de España júnior, proba do circuíto mundial júnior de bádminton, celebrado entre o pasado venres e a mañá deste domingo en Oviedo.

O evento contou coa participación de tres deportistas do club pontevedrés, Ania Setién, Gabriel Fernández e Natalia Murio.

O resultado máis destacado foi para Ania Setién, que sumou unha nova vitoria no circuíto internacional, esta vez na modalidade de dobres feminino xunto á súa compañeira Lucía Rodríguez. A dupla galega dominou o torneo de principio a fin, sen ceder nin un set en toda a competición logrando alzarse coa vitoria tras vencer na final ás tamén españolas Laura Álvarez e Candela Arcos. Con todo, en individual, as molestias que estivo a arrastrar lastraron a súa condición de favorita, caendo en cuartos de final fronte á estradense Nikol Carulla.

Pola súa banda, Gabriel Fernández levou a medalla de bronce en individual e alcanzou os cuartos de final en dobres xunto ao seu compañeiro madrileño Alejandro De Pablo. Natalia Murio, ao contrario que os seus compañeiros, disputou a modalidade de dobres mixto xunto a Álvaro Moral, e tras vencer aos portugueses Gomes e Fernándes en primeira rolda, caeron fronte a Rodrigo Sanjurjo e Nikol Carulla en oitavos de final.

CIRCUITO GALLEGO SUB17

Esta fin de semana tamén se celebrou o Circuito Gallego Sub17. Ata Vigo desprazáronse Xose Manuel García, Hugo Salgueiro e Lea Illán acompañados do técnico Jesús Pereiro.

O resultado máis destacado para os xogadores do Ravachol foi a medalla de prata conseguida por Salgueiro e García en dobres masculino despois de caer nunha axustada final ante Javier Pereira e Martín Iglesias (A Estrada/ Athlos).

Pola súa banda, Xose Manuel García levou o bronce en individual, mentres que Lila Illán, en dobres feminino, pechou o medalleiro con outro bronce xunto á súa compañeira Iziar Barcala (A Estrada).

A próxima semana continuarán as citas para o Bádminton Ravachol co desprazamento do Primeiro Equipo a Benalmádena para disputar a terceira xornada de División de Honra, e a canteira viaxará ata As Neves para xogar un circuíto autonómico Sub 15 e Sub 19.