Antía Chamosa guía a España á prata continental nos 20 quilómetros marcha

Pontevedra
18 de maio 2025

A pontevedresa logrou un cuarto posto que foi clave para elevar a España á prata Europea. O seu irmán Dani foi sétimo nos 35 quilómetros marcha e tamén medalla de prata por equipos

Antía Chamosa co equipo español no europeo de Podebrady Federación Española de Atletismo

A Selección Española, cunha destacada actuación da pontevedresa Antía Chamosa, proclamouse subcampioa de Europa de marcha por equipos na proba de 20 quilómetros, no campionato continental disputado este domingo en Podebrady (República Checa).

O equipo español, formado pola atleta da Sociedad Gimnástica, Paula Juárez, Lidia Sánchez-Puebla e Lucía Redondo, só foi superado pola selección francesa.

Antía Chamosa chegaba á competición coa mellor marca persoal de todas as participantes e demostrou o seu gran momento deportivo indo de menos a máis, aínda que non puido alcanzar o podio individual.

Chamosa, que ocupou a décima praza durante gran parte da proba, finalizou en cuarta posición cun tempo de 1h:29:11, a 1:15 da gañadora, a ucraína Lyudmila Olyanovska, que estableceu unha nova marca persoal con 1h27:56.

A súa sólida actuación foi clave para a medalla de prata por equipos de España, con Paula Juárez sendo sexta cun tempo de 1h29:24 e Lidia Sánchez-Puebla, sétima con 1h29:47. Ambas tamén con marca persoal. Lucía Redondo, de categoría sub23, completou o equipo español, finalizando en decimonovena posición cun tempo de 1h34:37.

A ucraína Olyanovska levou o triunfo individual, deixando atrás nos últimos quilómetros ás francesas Beretta (prata) e Stey (bronce).

DANI CHAMOSA, SÉTIMO E PRATA POR EQUIPOS

No caso do seu irmán Dani Chamosa, logrou o sétimo posto na proba dos 35 quilómetros marcha, cun rexistro que lle outorga o billete para participar no Mundial de Tokio.

O pontevedrés cruzou a meta en 2h:27:56, catro segundos menos do tempo esixido para participar na competición do mes de setembro.

Os seus puntos, sumados aos de Miguel Ángel López, que foi bronce cunha nova marca de España (2h:23:48) e aos de Manuel Bermúdez, oitavo e mellor marca persoal (2h:28:43), elevaron ao combinado nacional á prata europea.

Dani Chamosa co equipo español non europeo de PodebradyFederación Española de Atletismo