A Sociedad Gimnástica confirmou as altas e baixas nos seus equipos para unha nova tempada atlética, na que o conxunto masculino volverá competir en División de Honra e o feminino na Primeira División Nacional.
Precisamente no cadro feminino prodúcese a incorporación máis destacada, coa volta a casa da marchadora internacional Antía Chamosa. A deportista pontevedresa competiu os últimos anos polo Club Atletismo Valladolid, tempo no que coa Selección Española chegou a ser quinta nun Campionato de Europa, ademais de subcampioa nacional da súa categoría tanto en pista como en aire libre.
Chamosa encabeza a lista de tres reforzos que completan a saltadora de altura Aloia Vilas e a velocista Claudia Torres, sen que se produciron baixas. O obxectivo, sinala o club, será en primeiro lugar lograr a permanencia para despois soñar con meterse na xornada polo ascenso á máxima categoría. Ademais, o equipo feminino contará cun filial máis, o Atletismo Negreira, que se suma ao Club Atletismo Sada, ao San Miguel de Marín e ao Ría de Arousa.
Máis cambios prodúcense no equipo masculino de División de Honra, con tres altas e catro baixas para pelexar pola permanencia na División de Honra.
Por unha banda chegan ao club o mediofondista David de la Fuente, o lanzador Diego Casas e o tamén mediofondista e saltador de obstáculos Alberto Moral, mentres que puxeron fin ao seu periplo na Ximnástica os atletas Francisco Javier Guzmán, Ben Amar Djellal, Pablo Martínez e José Miguel Huete.