En só dous anos converteuse nunha das probas máis concorridas de cantas organízanse na cidade, e aspira a dar un paso máis na súa terceira edición, prevista para o día 3 de xuño.
A organización da Gladiator Race de Pontevedra anunciou a apertura do prazo de inscrición a partir deste mércores 1 de febreiro a través da plataforma de www.championchipnorte.com e da web www.gladiatorrace.es, con prezos especiais ata o domingo día 5.
A Illa das Esculturas volverá ser o centro da carreira de obstáculos, que habilitará un límite de 1.700 prazas na categoría Warriors (11 quilómetros e 30 obstáculos) e 1.500 prazas na modalidade Rockets (6 quilómetros e 20 obstáculos). Completará a oferta a carreira infantil, a Gladiator Kids, con 7 quendas non competitivas que oscilarán etre os 500 e os 1.000 metros en función da idade.
Unha das novidades deste ano será a inclusión de tres quendas elite na categoría Warriors que traerá a Pontevedra aos mellores corredores da península que competirán polos puntos da liga Nacional.
URBAN TRAIL NIGHT
A mesma empresa responsable da organización da Gladiator Race, Qualité Sport Events, habilitou a inscrición da que será a primeira edición da Urban Trail Night, proba incluída dentro do Circuíto de Carreiras Populares de Pontevedra.
A carreira nocturna, cun percorrido semiurbano de 14 quilómetros, terá lugar o sábado 11 de marzo a partir das 20:00 horas, e as anotacións poden formalizarse a través da web www.urbantrailnight.com.
O circuíto deseñado contará con saída no Recinto Feiral, percorrerá diversos puntos da cidade como as beiras do Lérez, a Illa das Esculturas e o centro histórico para concluír na Praza de Touros.
Ademais da proba de 14 quilómetros, a organización prepara unha andaina popular guiada de 10 quilómetros.