Axustes de calendario atrasan a outubro o Nacional Sprint de Tríatlon de Pontevedra

Pontevedra
25 de febreiro 2021

A competición nacional disputarase finalmente os días 2 e 3 de outubro, unha semana máis tarde dos previsto, segundo confirmou o Concello de Pontevedra

Categoría elite feminina do Campionato de España Sprint de Tríatlon

Cambio de data para o Campionato de España Sprint de Tríatlon que ten previsto disputarse en Pontevedra este ano 2021.

Segundo comunicou a concellería de Deportes da cidade, axustes nos calendarios da Federación Española de Tríatlon e da Federación Internacional (ITU) provocaron un movemento na data prevista para este campionato, que pasa ao mes de outubro. 

Concretamente o Nacional Sprint terá lugar finalmente os días 2 e 3 de outubro, unha semana máis tarde do inicialmente fixado.

Trátase dunha competición que xa se disputou en 2020 en Pontevedra, sendo a primeira competición post-Covid do tríatlon nacional, modificando o seu formato cara a un contrarreloxo para adaptarse ás medidas de prevención e cun protocolo que foi posto de exemplo por parte da Federación Española.

Nesta ocasión o edil de Deportes, Tino Fernández, sinalou que espera que "a evolución da pandemia e do ritmo de vacinacións permita celebrar en condicións de seguridade unha proba de gran importancia para Pontevedra".