Boa estrea do Cisne na fase final do Nacional xuvenil, vencendo o anfitrión BM Elda (23-32)

Pontevedra
27 de maio 2021

O conxunto pontevedrés medirase este xoves a un dos favoritos ao podio, o Granollers, co liderado de grupo en xogo

Partido do Sector Nacional Xuvenil entre o Balonmán Gijón e o Cisne en Pontevedra Cristina Saiz

Non podía comezar de mellor forma o Club Cisne Balonmán a súa participación na fase final do Campionato de España Xuvenil Masculino, que reúne aos 8 mellores equipos do estado.

O conxunto pontevedrés estreábase este mércores 26 de maio ante o anfitrión do seu grupo, o BM Elda, logrando unha convincente e importante vitoria por 23 a 32.

Nun torneo curto como é a fase final empezar gañando supón un gran paso nas aspiracións do equipo, que sen descanso este xoves medirase ante un dos favoritos para loitar polos postos de podio, o BM Granollers, vencedor no outro partido do grupo contra o Cajasur Córdoba (34-29).

O liderado do grupo estará en xogo, posición de privilexio que de momento ocupan os de Víctor Castro tras un encontro no que iniciaron dominando cun parcial de 1-4 ao seu favor.

Aínda que o Elda tentou reaccionar (4-5), o certo é que o Cisne non cedeu o mando e foi ampliando a súa vantaxe ata os 8 goles de renda cos que chegou ao descanso (11-19).

Os locais non eran capaces de deter o xogo ofensivo pontevedrés, comandado por un Carlos Álvarez curtido esta campaña en Asobal e que se foi ata os 11 tantos. De feito a diferenza chegou aos 12 goles ao comezo do segundo acto (14-26), controlando ata o final o marcador o Cisne sen pasar excesivos apuros.