Aseguraba na previa o presidente do Galaico que o obxectivo na Copa de España de Clubs de Primeira División era lograr a permanencia, pero que se todo saía ben estarían preto dos primeiros postos e mesmo do ascenso á máxima categoría, e non fallou.
O equipo feminino do club pontevedrés protagonizou unha brillante competición en Xixón non só asegurando a súa continuidade na categoría con solvencia, senón pelexando mesmo polo ascenso con dous transatláticos, o UCAM Fuensanta e o CN Barcelona.
Despois de tres días de competición o Galaico acumulou 456 puntos, sendo terceiro na clasificación só superado polo campión, o UCAM (516 puntos) e o CN Barcelona (493,5 puntos), clubs que levaron o ascenso.
Pola parte baixa AD Rivas (323 puntos) e CN Castellón (310), sétimo e oitavo respectivamente, certificaron o seu descenso.
A satisfacción é especialmente grande no Galaico por lograr este resultado con nadadoras junior e absolutas formadas na canteira do club, o que reflicte o bo traballo realizado nos últimos anos.
O equipo en Xixón estivo composto por Paula Goyanes, Carla Goyanes, Iria García, Ana Pérez, Clara Otero, Nerea Rodriño, Águeda Cons, Nuria Erselle, Inés Gómez, Bea Gómez Cortés, Lara Gómez Cortés e Antía García (reserva).