Bronce para Bea Gómez e notable papel de Águeda Cons e Paula Goyanes no Nacional de Piscina Curta

Pontevedra
30 de novembro 2015

Bo papel do Club Natación Galaico no Campionato de España de Inverno celebrado durante a fin de semana en Xixón. Bea Gómez conseguiu unha medalla de bronce durante a primeira xornada e renunciou a competir nas dúas restantes

Nadadores do Galaico que participaron no Nacional de Piscina Curta
Nadadores do Galaico que participaron no Nacional de Piscina Curta

Bo papel do Club Natación Galaico no Campionato de España de Inverno celebrado durante a fin de semana na piscina do CN Santa Olaya de Xixón.

O club pontevedrés pechou os tres días de competición moi satisfeito coas marcas dos seus nadadores, especialmente pola progresión dos mozos.

No resultado global destaca a medalla de bronce lograda por Bea Gómez Cortés o venres nos 1.500 libre, cunha marca de 15:56.42, só superada por Mireira Belmonte e Marís Vilas, unha proba na que Águeda Cons foi oitava (16:29.96) e Paula Goyanes décima (16:40.88).

A marca de Águeda no 1.500, de repetila en piscina de 50 metros, valeríalle para clasificarse para probas internacionais durante a tempada.

Se a medalla de Bea foi a cara máis positiva do campionato, a negativa protagonizouna tamén a nadadora olímpica, ao ter que renunciar a competir sábado e domingo por problemas físicos, ao verse afectada por dores de cabeza. Antes, na primeira xornada, tamén fora quinta nos 200 libre (1:59.08).

Pola súa banda Paula Goyanes completou a súa notable actuación cun undécimo posto nos 400 estilos (4:51.88) e un décimo sexto nos 400 libre (4:17.27), mentres Águeda Cons foi décimo quinta nos 800 libre (8:47.29) e decimonovena nos 400 libre (4:18.27).

Ademais Daniel Sánchez bateu a mellor marca galega dun nandador de 17 anos nos 100 costas, cun tempo de 56.93.

Tamén participaron no Nacional de Piscina Curta Iria García (400 e 800 libre), Nuria Erselle (100 e 200 costas), Lara Gómez Cortés (200 bolboreta e 1.500 libre) e Juan David Hernández (200 braza).