Segunda renovación no Poio Pescamar, que empeza a dar pasos firmes na composición do seu plantel de cara á próxima tempada.
Tras a continuidade da súa capitá, Ale de Paz, o cadro conserveiro retén a unha dos seus novos talentos.
Carolina Bravo renovou a súa vinculación co equipo vermello, e fíxoo ademais por dúas tempadas, do mesmo xeito que o seu adestrador Luís López-Tulla.
A futbolista canaria, que aterrou na Seca hai un ano procedente do Marín Futsal, consolidouse desde entón como unha das xogadoras de presente e futuro do Poio.
E é que aos seus 23 anos foi unha das pezas máis usadas o último curso polo seu adestrador (35 partidos disputados, 9 deles como titular).
Ademais fíxoo asinando cifras destacadas como máxima asistente (11 pases de gol) e sumando 9 tantos, dous deles no play-off polo título fronte ao Futsi Atlético.