Club Número Phi, un exemplo para o taekwondo comarcal en pouco máis dun ano de vida

Umia
04 de novembro 2021

O club caldense, liderado por dous ex-deportistas como Lúa Piñeiro e Fernando Rascado, sumou 18 medallas no XXIII Campionato Internacional de Taekwondo Cidade de Pontevedra

Deportistas do Club Número Phi durante o Campionato Internacional Cidade de Pontevedra Club Número Phi Taekwondo

Ten pouco máis dun ano de vida pero a base de traballo e ilusión vaise abrindo un oco no taekwondo comarcal e provincial, da man de dous ex-deportistas de elite como Lúa Piñeiro e Fernando Rascado.

Trátase do Club Número Phi, entidade radicada en Caldas de Reis e que conta xa cunha importante nómina de deportistas de base nas súas filas, entre os que tenta transmitir as bondades do deporte, a vida saudable e o compañeirismo.

Como premio o Club Número Phi empeza a ver reflectido o seu esforzo en resultados concretos, como as 18 medallas conseguidas polos seus deportistas no recente Campionato Internacional de Taekwondo Cidade de Pontevedra, organizado polo Mace-Sport.

"Son moitas sensacións ás que non están afeitos. O público, rivais que non coñecen, un espazo diferente... é todo un desafío para nenas e nenos moi novos. Pero comportáronse como verdadeiros gladiadores", explica Lúa Piñeiro sobre unha competición na que sumaron 6 ouros, 6 pratas e 6 bronces nas categorías infantil, cadete e júnior e que serviu de pedra de toque para afrontar con máis ilusión aínda os seus próximos torneos.

"O desenvolvemento integral dos membros do club é esencial para nós. O seu desenvolvemento como deportistas, como persoas. Estamos super orgullosos de ver como crecen en todos os sentidos e o seu desempeño foi sobresaliente", completa Fernando Rascado.

Tras esta competición o club caldense non descansa e participará a próxima fin de semana na Copa Deputación que terá lugar en Redondela.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora