Toque de atención do Comité de Competición da Real Federación Española de Fútbol aos equipos que militan en Primeira RFEF, entre eles o Pontevedra Club de Fútbol.
O órgano de disciplina da Federación advertiu formalmente a boa parte dos equipos da categoría por incumprir a normativa que obriga a contar con médico na súa expedición tanto nos partidos que xogan como local como nos visitantes.
O Pontevedra é un dos clubs que non cumpriu con esta situación nos seus, até agora, dous desprazamentos da tempada.
Aínda que no primeiro en Ponferrada a situación pasou inadvertida, esta última xornada coa visita ao campo do Bilbao Athletic o colexiado do encontro sinalou na súa acta arbitral a situación da entidade granate, que non dispuxo dun médico ao contrario do que sucede nos seus encontros en Pasarón, nos que conta con Rogelio Álvarez para este labor.
Non é un caso único, e é que no Grupo I no que milita o Pontevedra o único equipo visitante que presentou médico na última xornada foi o Real Madrid Castilla. Sucedeu o mesmo no Grupo II, no que até sete equipos compareceron sen esta figura (16 de 20 partidos disputados en total).
O filial madridista é precisamente o único do grupo que se salva da reprimenda de Competición, que ameaza no caso de novo incumprimento con sancións, estando na mesma situación que e Pontevedra outros clubs como Guadalajara, Zamora, Mérida, Ourense CF, Racing de Ferrol, Barakaldo, Arenas Club e Real Avilés, así como no Grupo II tamén o Sabadell, Juventud de Torremolinos, Hércules, Cartagena, Teruel, Marbella e Antequera.
"Visto o apartado 2.C. da acta arbitral, no que se indica que 'O equipo visitante, Pontevedra CF, non presenta médico', lémbrase a obriga que vén imposta aos clubs respecto do estrito cumprimento do previsto no artigo 21 das Normas e Bases de Competición, e no artigo 122.1.h do Regulamento Xeral da RFEF, no que se establece que na categoría de Primeira Federación, será obrigada a presenza dun médico con licenza activa durante a totalidade dos partidos oficiais", explica o Xuíz de Competición na súa resolución advertindo "das consecuencias previstas no artigo 133 do Código Disciplinario da RFEF no caso de novo incumprimento".
Ese artigo ao que fai referncia Competición, o 133 do Código Disciplinario da RFEF, explica que o inclumpimiento de ordes, instrucións, acordos ou obrigacións regulamentarias serán sancionadas inicialmente como infracción leve, o que pode levar unha sanción "de multa en contía de até 602 euros, inhabilitación ou suspensión por tempo de até dous meses ou de polo menos dous encontros, ou clausura de até un partido".