Dalisson, rumbo a Córdoba seguindo os pasos de Charles

Pontevedra
30 de abril 2025
Actualizado: 15:26

O futbolista granate, que acababa contrato a final de tempada, comprometeuse co Córdoba da Segunda División para as dúas próximas campañas, segundo adiantou Cope Córdoba

Dalisson, durante a celebración do ascenso do Pontevedra en Pasarón Cristina Saiz

Chegou a Pontevedra para coller a testemuña do número 18 que portaba Charles, e dous anos despois vaise a despedir de Pasarón seguindo os pasos do agora membro do Consello de Administración granate.

Segundo adianta Cope Córdoba, Dalisson de Almeida comprometeuse polo Córdoba Club de Fútbol da Segunda División para as dúas próximas campañas, máis unha terceira opcional. É o mesmo camiño que emprendeu Charles no seu día.

O acordo é total, polo que o futbolista cántabro porá fin a unha exitosa etapa en Pontevedra.

Dalisson chegou ao club da Boa Vila procedente do Rayo Cantabria, e marcha como un xogador diferencial da Segunda RFEF, máximo artilleiro do Pontevedra campión (12 goles entre liga e Copa) e destacando con actuacións sobresalientes en Copa do Rei ante equipos de Primeira División, anotando tantos decisivos contra o Villarreal e fronte ao Mallorca.

De feito ese gran escaparate é o que lle puxo no radar de moitos clubs de categorías superiores.

O Pontevedra tentou sen éxito reter ao hispano-brasileiro, ofrecéndolle hai meses a renovación tal e como confirmou a presidenta Lupe Murillo na última xunta de accionistas da entidade, pero a súa proxección fíxolle dar o salto directamente ao fútbol profesional.

Nin o ascenso a Primeira RFEF puido reverter esa situación.

Unha noticia en todo caso que non afecta a unha planificación deportiva dun Pontevedra que empeza a moverse pensando na próxima tempada, e é que desde as oficinas de Pasarón dábase por perdido a Dalisson desde hai semanas.